CLUN (Feiraco, Larsa e Clesa) sobe o prezo que paga aos seus socios polo leite, indica a cooperativa na súa Asamlea
O sector lácteo galego vive outro momento difícil, pois a relaxación da restricións disparou os custos (enerxía, etc.) e os comercializadores non están a pagar máis aos gandeiros.
Fronte a este problema, que xa provocou algunhas protestas fronte supermercados, CLUN preséntase como unha alternativa de país capaz de axudar a que os seus socios capeen esta crise.
Os 3.000 asociados de CLUN puideron participar na Asemblea organizada en Melide
Socios da cooperativa CLUN reuníronse na mañá deste venres en Melide (A Coruña) con motivo da súa Asemblea Xeral anual, que tivo lugar baixo o lema 'A Galicia máis cooperativa'. De acordo coa orde do día, CLUN informou de que foron aprobadas as contas referentes aos exercicios de 2019 e 2020.
Así mesmo, presentáronse as previsións para a presente xestión do exercicio de 2021, no que se prevé que a cooperativa consolide o seu crecemento "ata completar a súa plena recuperación".
Segundo destaca nun comunicado, este feito cobra especial relevancia nun escenario marcado pola pandemia. Así, o presidente da cooperativa, José Ángel Blanco, defendeu que, a pesar dese contexto, continuou coa súa actividade "a pleno rendemento", para seguir brindando os seus servizos aos socios e seguir abastecendo aos consumidores dos produtos alimenticios das súas marcas Feiraco, Única e Clesa.
O encontro desenvolveuse de forma presencial gardando as oportunas medidas de prevención e hixiene fronte á Covid-19, despois de que a pandemia impedise a súa celebración o pasado ano.
CINCO ANOS EN DECEMBRO
A piques de cumprir este próximo decembro o seu primeiros cinco anos de vida CLUN reivindicouse este venres como "a principal cooperativa láctea da Comunidade con capital 100% galego".
Xurdida en 2016 froito da unión de esforzos, CLUN ten as súas raíces nas tres cooperativas históricas que a conformaron: Feiraco, os Irmandiños e Melisanto. "Somos unha cooperativa que lidera as cooperativas agrogandeiras vinculadas ao lácteo en Galicia", afirmou José Ángel Blanco durante a súa intervención inicial.
Ante a necesidade de gañar competitividade no actual contexto de apertura de mercados e globalización económica, en 2019 CLUN cumpriu un novo fito, profundando a súa unión ao constituírse en cooperativa de primeiro grao.
Posteriormente, a finais do ano pasado, protagonizou un proceso de reestruturación e simplificación organizativa que daba resposta á necesidade de racionalización dos recursos e perseguía a maior eficiencia. CLUN é hoxe "un proxecto consolidado e un proxecto con porvir", destacou Juan Gallástegui, secretario xeral da Cooperativa. "É o futuro", agregou.
Así o demostra, sostén a cooperativa, "o éxito que CLUN tivo na recuperación de Clesa", marca histórica do lácteo galego, xa que baixo a súa xestión, este proxecto, que contou co apoio da Xunta de Galicia, "é hoxe unha empresa sólida e competitiva que xera valor engadido comercializando produtos líderes no mercado nacional e exportando aos mercados internacionais de Sudamérica, África e Asia".
RETOS DE FUTURO
A cooperativa remarcou que a estratexia corporativa para os próximos anos está encamiñada a "consolidar o liderado de CLUN como cooperativa agrogandeira así como a aumentar a xeración do valor engadido do lácteo galego sen saír de Galicia".
De feito, o desenvolvemento e a elaboración con leite 100% galega de produtos lácteos de calidade diferenciada, é un dos grandes retos que o sector lácteo galego debe afrontar para aumentar a rendibilidade da produción e garantir así a súa sustentabilidade.
Outros desafíos que recolle a estratexia corporativa están encamiñados a avanzar na modernización e profesionalización da Cooperativa, así como á súa dixitalización.
Como mostra desta clara aposta de CLUN pola innovación, durante a xornada as persoas asistentes puideron degustar diversos e novos produtos lácteos desenvolvidos polo departamento de I+D de CLUN para ser comercializados a través das súas marcas comerciais Feiraco, Únicla e Clesa.
PREZOS DO LEITE
Durante a Asemblea, púxose en valor o papel central dos socios na cooperativa, e informouse das medidas adoptadas especificamente para contribuír a garantir a rendibilidade das explotacións gandeiras nestes últimos tempos nos que os custos de produción aumentaron.
O que non aumentaron é o prezo que reciben a maioría dos gandeiros galegos. Non así os socios de CLUN, presume a cooperativa. "Este ano 2021, CLUN paga o leite aos seus socios mellor que ningún outro ano da súa historia", informou Juan Gallástegui.
Ademais de o incremento aplicado ao prezo ao leite en orixe, CLUN tamén rebaixou o custo dos pensos, incentivando a aquelas socias e socios que "confían" nos produtos e servizos da Cooperativa.
"Temos claro que debe haber unha diferenza aínda maior entre ser cliente do CLUN e formar parte de CLUN, porque CLUN, á fin e ao cabo, son as súas socias e os seus socios", asegurou Gallástegui.
MÁIS DE 3.000 ASOCIADOS E 175 MILLÓNS DE FACTURACIÓN ANUAL
CLUN ten máis de 3.000 asociados e conta con catro sedes, en Ames, Caldas, Melide e A Mariña, que proporcionan emprego directo a máis de 400 persoas.
Está presente en máis de 80 concellos, dos que recolle 160 millóns de litros de leite ao ano e nos que abastece de 220.000 toneladas anuais de alimentos para gañado.
A súa facturación anual é de 175 millóns de euros, e os seus produtos lácteos son comercializados baixo as marcas Feiraco, leite Premium Únicla e iogures e sobremesas lácteos Clesa.
Escribe o teu comentario