Así é a nova canle da TVG en Youtube con emisión en directo, fútbol, informativos e máis contidos
A Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) inicia este luns a emisión ininterrompida do seu sinal internacional a través da plataforma Youtube, converténdose na primeira autonómica e unha das primeiras televisións xeneralistas de España en ofrecer contido en Youtube as 24 horas do día e todos os días da semana en directo.
“O obxectivo é poder acceder e interactuar cos contidos informativos e de entretemento de Galicia desde calquera parte do mundo. Sen dúbida, a mellor opción é colaborar con Youtube, a plataforma de vídeos máis grande do mundo que nos trae difusión, interacción e a mellor tecnoloxía para ver todo o que facemos nas mellores condicións ”, argumenta o Director de Innovación e Negocios de CRTVG, José Pereira.
#Dígochoeu
Con esta acción, a CRTVG segue desenvolvendo a súa estratexia de creación de canles dixitais, co obxectivo de mellorar a experiencia de consumo para todos os usuarios, e de difusión da lingua e a cultura galega, especialmente para os que acceden aos contidos da Corporación desde fóra de Galicia.
A través da canle verificada da CRTVG en Youtube (www.youtube.com/tvg), calquera persoa pode acceder ao sinal en directo do canle TVG Europa, ademais dun amplo repositorio de contidos propios elaborados en TVG.
A esta oferta engádeselle a emisión en directo dos eventos máis demandados polos espectadores da TVG, como os partidos de fútbol dos equipos galegos que xogan na Segunda B e na Terceira división.
CONTIDOS ORIXINAIS
A canle conta tamén con contidos orixinais creados pola redacción de informativos, como a sección #Menosdunminuto, que explica en 60 segundos a noticia máis destacada de cada día, ou unha versión especial para Youtube da canle #Dígochoeu, con máis de 480 vídeos e 150.000 seguidores.
Na canle de Youtube da CRTVG tamén se incluirán vídeos especiais cos momentos máis divertidos de programas de TVG como Land Rober Tunai Show ou Luar.
Escribe o teu comentario