Covid Galicia: os positivos non caen desde hai dúas semanas esfumándose as opcións de chegar a risco baixo
Ratifican que Galicia está nunha planicie de diagnósticos, con lixeiras subidas e baixadas, que dura xa case dúas semanas. Alcanzar a barreira dunha incidencia acumulada semanal de 25 antóllase así imposible.
O domingo pasado Galicia tiña 32,8 positivos por 100.000 habitantes á semana. Este domingo a incidencia acumulada semanal é de 33,2. O domingo pasado Galicia daban positivo o 2,01% dos test, agora dan 2,31%; segundo a media semanal da taxa de positividade. Estas dúas compartivas certifican que a melloría tocou fondo a mediados de marzo.
Os 172 novos positivos confirmados hoxe son só un máis que os de onte. Ratifican que Galicia está nunha planicie de diagnósticos, con lixeiras subidas e baixadas, que dura xa case dúas semanas.
Alcanzar a barreira dunha incidencia acumulada semanal de 25 antóllase así imposible. Galicia seguirá en risco medio e non chegará risco baixo antes de que a pandemia acelere outra vez. A cuestión non é se haberá un rebote, se non cando e con que virulencia.
Abrindo o plano a dúas semanas, tamén se distingue unha planicie, menos longa, de aproximadamente unha semana. Estabilizados sobre 65 aproximadamente, os valores da incidencia acumulada a dúas semanas parece que non baixarán a 50 ou menos, o necesario para sacar a Galicia do risco medio nos niveis do semáforo estatal de alertas.
A taxa de positividade tamén está nunha planicie, cunha mínima pendente de subida. Tocou fondo hai unha semana co 1,8% e a media a sete días anda agora sobre o 2,1% tras o 2,5% de onte. Son, iso si, valores moi bos. Calquera menor de 4% é o mellor valor posible no semáforo de alertas estatal. Galicia non ten, pois, un problema de escaseza de PCRs.
VARIACIÓN DO CAMBIO DE CASOS ACTIVOS
A cantidade de infectados segue á baixa, pero o descenso perdeu tanta velocidade nos últimos días que a caída desapareceu case por completo. A este ritmo antes de final de mes a media semanal volverá alcanzar valores maiores que cero. Iso significará que cada día o SERGAS terá que lidar con máis pacientes.
Hoxe os casos activos son só un 0,5% menos que onte, o que leva a media semanal ao -1,5%; o seu peor valor desde o 5 de febreiro. En termos absolutos, isto tradúcese en 44 enfermos menos que onte e 2.519 en total.
CONCLUSIÓNS
Con todas estas cifras á nosa disposición podemos concluír que:
- A pandemia aínda retrocede desde o plano a 14 días, poquísimo pero cae. Con todo, hai que considerar que os indicadores de refernecia son agora semanais, debido á predominancia e virulencia da cepa británica.
- A 7 días, o coronavirus está nunha fase de case total planicie desde hai dúas semanas. Hai leves repuntes e baixadas, pero a melloría tras a terceira onda concluíu.
- A taxa de letalidade segue por encima do 4% no último mes, cando a media de toda a pandemia anda polo 2%. Outro recordatorio do perigo que supón a cepa británica.
ÚLTIMOS DATOS POR ÁREAS
A Coruña volve ser unha xornada máis o distrito con máis positivos. Iso si, os 27 de hoxe non é unha mala cifra. A nivel de UCIs, destacar que en Ourense só quedan dous enfermos críticos.
Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra son as áreas que hoxe logran sumar menos de 10 diagnósticos. En termos xerais, Ourense é a área con mellores niveis e A Coruña con peores. Santiago sofre un visible cambio de tendencia na súa curva de infectados, en parte debido a que saltaron máis positivos no asilo de Silleda. Máis datos a nivel de área sanitaria nuns minutos en Galiciapress.
Escribe o teu comentario