"Se non saco á miña avoa de DomusVi Monforte morre", relata denunciante de querela admitida a trámite
As imaxes e os vídeos que acompañan á denuncia son durísimos, de feito os publicados por Galiciapress son os menos fortes
A CEO de DomusVi e dous cargos da Consellería de Política Social son os sinalados como responsables da suposta neglixencia médica na residencia privada, pero que xestiona prazas subvencionadas con diñeiro público, como era a desta persoa
O Xulgado de Instrución número 2 de Monforte de Lemos (Lugo) admitiu a trámite e decretado a incoación de dilixencias previas por suposto delito de "neglixencia médica" en relación á querela criminal presentada pola neta dunha anciá que viviu na residencia que DomusVi Monforte. A denuncia asegura que a súa avoa chegou a sufrir úlceras "de tamaño escandaloso" e desnutrición.
A querela admitida a trámite diríxese contra a conselleira delegada do Grupo DomusVi e administradora única de Geriatros S.A.U., Xosefina Fernández; contra o director xeral de Maiores da Consellería de Política Social, Fernando González; así como unha xefa de servizos de inspección; a directora da residencia; e as sociedades pertencentes á corporeación DomusVi Geriatros S.A.U. (xestiona a residencia de Monforte) e Geriavi S.A.U., ambas as con sede en Vigo
RESPOSTA DE DOMUS VI E A Xunta
Consultadas fontes oficiais de DomusVi por Galiciapress, a multinacional de xeriatría opta por non realizar valoracións.
Consultadas fontes oficiais da Consellería de Política Social por Galiciapress, mostran a súa sorpresa ante a denuncia, da que din non tiñan noticia ata hoxe, pois aseguran que a relación coa familia denunciante era de diálogo cordial.
Portavoces da Xunta apuntan a que a familia se queixou das condicións que soportaba a anciá na residencia de Monforte. Engaden que, tras comunicarlles que a inspección non detectara irregularidades, pediron o traslado a unha residencia próxima a Vigo. A Xunta asegura que se lle concedeu unha praza subvencionada na residencia de Aldán, que tamén xestiona Domus Vi.
O XUÍZ QUERE INTERROGAR A DÚAS ENFERMEIRAS
Pola súa banda, a Federación REDE de usuarios e familiares de residencias e dependencias de Galicia informou da admisión a trámite desta querela interposta por Iria Álvarez, a neta de Carmen Barreiro, usuaria de DomusVi Monforte no momento dos feitos ocupando unha praza pública dentro do programa de 'emerxencia social' da Xunta. O avogado foi Xosé Antón Pérez-Lema.
A querela acompáñase de varias fotografías e un vídeo, imaxes moi duras das úlceras que, segundo a denuncia, sufriu a usuaria deste centro. O xuíz pediu numerosa documentación á Consellería e a diversos centros médicos, ademais da declaración testifical de dúas enfermeiras da DomusVi Monforte e o recoñecemento forense da anciá.
A familia, a través de Rede, difundiu á prensa imaxes do estado da anciá. As que publica Galiciapress son as menos duras:
Imaxe dunha úlcera no pé da anciá difundida pola súa familia , tamén remitiron imaxes de úlcera no cóxis, frecuentes en pacientes xeriátricos que pasan demasiado tempo sen que lles cambien de postura
"SE NON A CHEGO A SACAR, A MIÑA AVOA HOXE ESTARÍA MORTA"
"Se non chego a sacar á miña avoa de DomusVi Monforte, hoxe estaría morta", dixo, en declaracións difundidas aos medios, nas que subliña o "estado lamentable" no que quedou a súa avoa en só dous meses.
Segundo explica, cando ingresou no centro "camiñaba, non usaba cueiro e se valía por si mesma pra comer". "Pero agora está 24 horas encamada e non a poden sentar nunha cadeira de rodas porque ten unha úlcera no sacro do tamaño dun puño e unha úlcera no talón que lle impedirá volver camiñar", denunciou.
"É incapaz de valerse por si mesma nin para beber un vaso de auga. Ingresou no hospital despois de levar unha semana adormecida na residencia DomusVi de Monforte. Sufrira unha parada cardio respiratoria, estaba desnutrida e a directora dicíame que non había un motivo concreto para derivala ao hospital, que simplemente se estaba morrendo", resolveu.
DOMUSVI E XUNTA
Fuentes de DomusVi consultadas por Europa Press sobre este caso rexeitaron facer comentarios.
Pola súa banda, fontes da Consellería de Política Social explicaron que, do mesmo xeito que no resto de ocasións nas que se formulan queixas deste tipo, procedeuse a inspeccionar o centro. Ademais, na liña do que pedía a neta, trasladóuselle a Cangas para que tivese maior proximidade familiar.
Do mesmo xeito, lembraron que a admisión a trámite cando na denuncia cúmprense as formas xurídicas é habitual, pero apuntaron que outros casos similares non tiveron máis percorrido. En todo caso, a Consellería colaborará na Xustiza en todo o que se lle requira.
Pola súa banda, a Federación REDE lembra que, a día de hoxe, hai seis querelas criminais admitidas a trámite por familias galegas de usuarios de residencias interpostas a través desta entidade: dous en DomusVi Aldán-Cangas, dous en DomusVi San Lázaro-Santiago, unha en DomusVi Matogrande-A Coruña, e a de Monforte.
Escribe o teu comentario