A ausencia de Diego Mariño deixa orfa a portería do Sporting
O porteiro galego, capital para o cadro branquivermello, parece ser un dos futbolistas positivos por coronavirus.
O porteiro galego, capital para o cadro branquivermello, parece ser un dos futbolistas positivos por coronavirus.
En O Molinón non están para festas, e menos despois de que unha festa provocase toda esta lea. O equipo asturiano está en boca de toda a Segunda División por un brote de coronavirus que afectou a parte do persoal e que deixou ao conxunto dirixido por David Gallego en cadro. Un dos afectados parece ser o vigués Diego Mariño, líder do equipo dentro e fóra do terreo de xogo.
O cérbero, indiscutible na portería do Sporting desde a súa chegada e un dos ídolos da afección, xa non participou o pasado luns ante o CD Lugo na súa primeira ausencia do curso –só perdeuse o duelo copeiro ante o Quintanar- e tampouco estará presente este xoves ante o Amorebieta. Non hai confirmación por parte do club, que gardou silencio desde que recoñeceu o brote de Covid, pero a baixa do gardameta ben podería responder a que Mariño é un dos afectados polo brote.
Sen partes médicos que indiquen doenzas de ningún outro tipo, e sempre que se trate dun dos casos positivos podería estar fóra ata o duelo ante o Castelló, a condición de que a súa evolución sexa boa. Para entón xa podería ter a alta médica, pero a súa presenza ante o Fuenlabrada esta fin de semana, un rival directo dos xixoneses por un posto en playoff, está case descartada.
O técnico da escuadra asturiana prepara o choque copeiro con Chrtistian Joel como favorito para ser o inquilino do cárcere de cal, como xa fixo no Anxo Carro. De momento, no expediente do cubano figuran dúas porterías a cero nos seus dous partidos en Segunda. Con todo, parece difícil que poida arrebatar a titularidade a Mariño, ao que só a pandemia conseguiu sacar do arco.
Escribe o teu comentario