Récord de positivos de coronavirus en máis dun mes en Galicia xusto tras as reunións de Nadal
Son 441 positivos máis nun día, a maior cifra en todo decembro e a maior cifra en máis dun mes.
Hai 33 días que Galicia non sumaba tantos positivos nun só día, 441. O aumento non se debe a unha avalancha de PCRs tras o parón do Nadal.
Dous dos municipios que máis crecen, A Coruña e Xove, están en áreas sanitarias onde se detectaron casos sospeitosos da cepa británica. Outro municipio con forte ascenso, Santiago, é precisamente onde o SERGAS acaba de confirmar o primeiro caso desa variante máis contaxiosa.
ESTABILIDADE?
Alberto Núñez Feijóo dixo onte que o coronavirus a evolución do coronavirus en decembro era estable. As cifras avalaban a análise do presidente da Xunta; polo menos en termos xerais, aínda que o principal valor, a incidencia acumulada a dúas semanas, tende á alza lixeiramente desde o 11 decembro.
Con todo, os números de hoxe ameazan con romper a relativa tranquilidade da curva galega. Son 441 positivos máis nun día, a maior cifra en todo decembro e a maior cifra en máis dun mes. Un rebote que se produce, sobre todo, polas preocupantes cifras nas cidades da Coruña e Santiago e en concello de Xove.
A consecuencia deste pésimo dato é que soben todos os indicadores. A incidencia acumulada a dúas semanas, de 161 a 164 positivos por 100.000 galegos. A súa irmá máis nova, a incidencia acumulada semanal, dá o maior salto nun só día desde decembro, ascende de 78 a 84.
NÓTASE XA O EFECTO DO NADAL?
Unha hipótese para explicar esta subida ten que ver co Nadal. Debido aos festivos, o SERGAS estivo a completar menos PCRs. Pasada a Noiteboa, o ritmo de test deberíase recuperar e, mesmo, aparecer un número de positivos maior do habitual debido ás poucas probas dos festivos.
Desgraciadamente, as cifras indican que este non é o caso. Así, o número de test sobe respecto a Nadal, pero está moi lonxe das cifras pre-do Nadal. Antes da Noiteboa o SERGAS andaba facendo case 10.000 probas ao día, durante as festas esborrallouse a uns 4.000 ao día e onte subiu, pero pouco, 6.000 ao día.
A pesar deste ascenso do número de probas, a positividade non cae. Anda polo 6.8%, no mesmo rango que nas xornadas anteriores. Notablemente superior ao 4% que viña conseguindo Galicia antes dos festivos.
estarase a deixar notar xa o impacto das reunións de Noiteboa? Onte a Xunta advertiu que as súas cifras aínda non reflectían o posible impacto das reunións típicas destas datas.
Os positivos comunicados hoxe, día 30, proveñen sobre todo de PCRs encargadas dúas xornadas antes, día 28. Con todo, a maioría de casos con síntomas saltan a partir do cuarto día. Por tanto, as PCRs a persoas sintomáticas coñecidas hoxe, deberían provir de análises encargadas o 28 á persoas potencialmente contaxiados ocorridos en torno ao día 24. É dicir, os efectos da Noitevella están a piques de empezar a notarse na estatística, senón estanse notando xa.
CASOS ACTIVOS
Sexa cal fose a causa do repunte, os seus efectos déixanse notar bastante no cómputo de enfermos. Hoxe hai un 1,8% de casos activos máis, en concreto 102 máis, que alzan a 5.265 o total galego.
Se abrimos o foco, como debemos facer para percibir as tendencias, a unha semana, vemos que os casos activos levan estabilizados desde mediados de decembro, ao redor dos 5.600; sen unha tendencia clara.
DATOS POR ÁREAS
A Coruña e Santiago son as dúas áreas sanitarias que máis casos activos achegan ao total. Hai que lembrar que A Coruña é unha das dúas áreas na que o SERGAS está a investigar un posible positivo da cepa inglesa do coronavirus, máis contaxiosa. Pola súa banda, Santiago é onde a Xunta confirmou o primeiro caso da cepa británica do covid-19.
Chama a atención tamén a cifra da área sanitaria de Lugo, 50 positivos. Non pola cantidade en toda a área sanitaria, que está dentro dos esperable. Senón porque 20 deses 50 positivos veñen dun municipio da Mariña, Xove, comarca na que o SERGAS localizou o un núcleo familiar sospeitoso de ter a cepa británica.
Nuns minutos, máis análises en detalle das cifras a nivel municipal e de área sanitaria en Galiciapress.
Escribe o teu comentario