As tendas de roupa con publicidade en galego atraen ata a un 60% dos mozos, reflicte un estudo no sector
A análise, ‘A lingua galega non sector téxtil’, realizado por Anabel Antela co apoio da Deputación de Pontevedra e difundido pola Mesa pola Normalización Lingüística, mostra a actitude dos milenials ante as compras.
A análise, ‘A lingua galega no sector téxtil’, realizado por Anabel Antela co apoio da Deputación de Pontevedra e difundido pola Mesa pola Normalización Lingüística, mostra a actitude dos milenials ante as compras.
Neste sentido, o estudo recolle que o 60,3% dos mozos afirma que se un produto está anunciado en galego está máis predisposto á súa compra. Así, o emprego da lingua galega resulta ser un aliciente para os máis novos á hora de decantarse cara a un produto.
Para a autora, este estudo supón “un pequeno gran de area para darlle ao galego o espazo que merece como lingua oficial e con igualdade de dereitos” unha vez constatada a presenza escasa ou nula do galego en moitos ámbitos. Por isto, analizouse 16 marcas e grupos galegos que, a pesar de ter o seu berce en Galicia, utilizan o castelán na súa web. Só Inditex permite ver a web en galego e só sete citan algún tipo de vínculo con Galicia, aínda que nunca o seu nacemento na comunidade.
“Este estudo pode servir de base para futuras campañas a favor da lingua, dando a coñecer a situación lingüística actual, para poñer fin á diglosia na que está sumida a sociedade galega e poñer fin ás desigualdades, considerado un dos ODS da Axenda 2030”, manifestou Antela, á vez que puxo de relevo a importancia destes datos.
Todo isto é vital para a lingua, segundo Antela, xa que a mocidade é a encargada de transmitir e manter vivo o idioma. “Os datos que din que é preciso realizar cambios, xa que o 95% da mostra considera agradable a utilización do galego e o 70% di que o seu emprego reforza imaxe de marca, o 60% recoñece que un produto anunciado en galego induce á compra e o 95% considera necesario fomento e normalización”, recalca.
“A LINGUA É UN DEREITO”
Pola súa banda, Marcos Maceira, presidente da Mesa, destacou o valor da lingua no desenvolvemento dos países. “Se queremos desenvolvernos temos que ter en conta a lingua como un factor determinante no desenvolvemento económico”, indicou Maceira. María Ortega, deputada de Lingua na deputación pontevedresa, destacou a importancia de sacar a lingua unicamente “Da cultura, tradicións e folclore” e levala tamén “á ciencia, marcas comerciais, no banco ou cando imos comprar un coche”. “A lingua é un dereito, temos que exercelo e esixilo”, recalcou.
Mentres, Xosé Bahamonde, director do estudo e ex decano de CCSS, incidiu en “dar prestixio ao galego” co fin de “facer país”: “O mellor aval de que algo se produce en Galicia é usar o galego, o empresariado ten que ser consciente de que teñen un activo”.
Escribe o teu comentario