O galego Eduardo Iglesias repetirá no Rally Dakar co apoio da Deputación de Lugo
Eduardo Iglesias Sánchez debutou o ano pasado cunha boa actuación no "rally máis duro do mundo". Este ano volve co seu KTM 450 Rally Replica.
O monfortino Eduardo Iglesias repite do 3 ao 15 de xaneiro a súa participación no Rally Dakar, unha proba que conseguiu finalizar o pasado ano entre os 100 primeiros na categoría de motos. En concreto no posto 94.
UNHA HONRA PARA LUGO
Este ano, a Deputación de Lugo volve patrocinar a expedición do piloto lugués cunha axuda de 12.000 euros. Así, a marca do ente provincial lucirá na moto KTM 450 que o monfortino conducirá nos desertos de Arabia Saudita.
O presidente da deputación, José Tomei, compareceu este xoves acompañado por Eduardo Iglesias na entrada do Pazo provincial, onde, en declaracións aos medios, mostrou o seu orgullo por que o monfortino pasee o nome de Lugo polo mundo.
"É unha honra para o conxunto da provincia que un veciño de Monforte leve por segundo ano consecutivo o nome de Lugo no Rally Dakar, unha das probas deportivas con maior proxección a nivel mundial", destacou Tomei.
O presidente lugués e alcalde de Monforte apuntou na importancia de que o nome da Deputación de Lugo estea presente nunha proba que chega "a preto de 200 países e cinco millóns de espectadores" na retransmisión de cada etapa, que ten un impacto na internet de "54 millóns de visitas".
OBXECTIVOS PARA 2021
Pola súa banda, o piloto Eduardo Iglesias agradeceu o apoio da deputación, á vez que mostraba o seu orgullo por "levar outra vez o nome da provincia e da Deputación de Lugo" no Dakar.
"Espero deixar o pavillón alto, como o ano pasado, mesmo mellorar ese posto aínda que o reto volve ser o mesmo de poder acabar", sinalou Iglesias.
Escribe o teu comentario