A Xunta ratifica as restricións en Vimianzo, Neda, Narón, Ames e Teo, con indicadores de "alto risco"

|

O DOG fixo oficial este sábado as novas restricións que afectana as cinco localidades, en nivel vermello de alerta, e que se farán efectivas esta media noite durante, polo menos, dúas semanas.


As limitacións do nivel 3, como non consumir no interior de bares ou o aforo de terrazas limitado ao 50%, seguen tamén na capital galega.


Restricións



O Diario Oficial de Galicia (DOG) ratifica este sábado, como xa avanzara a Xunta, que os concellos de Ferrol, Narón e Neda, así como Ames e Teo (da área de Santiago) e a localidade coruñesa de Vimianzo entran no máximo nivel de alerta por coronavirus e, dado que rexistran indicadores de "alto risco", sumarán desde a próxima medianoite as novas restricións equivalentes a este nivel.


Ditas restricións, que inclúen, por exemplo, que en bares e cafeterías non se poderá consumir no interior do local ou que as terrazas limitarán a súa capacidade ao 50%, estaban xa vixentes na capital galega e mantéñense. Ademais, nestas localidades xa se decretou na pasada xornada o peche perimetral.

Segundo os acordos do DOG, recollidos por Europa Press, no caso da comarca de Ferrolterra a adopción de medidas a maiores xustifícase pola "clara tendencia ascendente" na incidencia do virus. Destaca a Xunta, sobre todo, as taxas acumuladas nos últimos 14 días de Neda e Fene, ademais de Ferrol e Narón, con declaración de casos "diariamente" nos últimos 14 días.


Entre outros argumentos, esgrímese que a comarca mostra as taxas máis altas no grupo de idade de 20-24 anos, no que a infección pode ser asintomática ou pauciasintomática, o que pode favorecer a difusión do virus se non se toman medidas.


Por outra banda, Fene, Neda, Narón e Ferrol son concellos, inciden as autoridades sanitarias, "cunha convivencia moi estreita enter eles, tanto a nivel laboral como social".

"Os catro municipios supoñen unha porcentaxe moi elevada da poboación atendida na área sanitaria de Ferrrol, o que supoñería unha sobrecarga asistencial importante no caso de seguir aumentando o número de casos", engaden.


SANTIAGO E CONTORNA

Na comarca de Santiago, a Dirección Xeral de Saúde Pública indica que a transmisión da covid-19 "mantense" e que hai indicadores de brote "en niveis de alto risco" tamén, xunto co feito de que o grupo de idade no que se constatan as taxas máis altas correspóndese cos mozos (20-24 anos), cuxas características --ser asintomáticos, por exemplo-- poden favorecer a difusión do virus.


A taxa acumulada a 14 de días de Santiago, xunto ás taxas de Ames e Teo, dous municipios de convivencia moi estreita entre eles e co de Santiago, "recomenda" manter as medidas de prevención específicas xa vixentes na capital galega, e a súa extensión a todo o concello de Ames (tamén estaban en vigor xa en Milladoiro) e a Teo.


Ademais, en Teo, Ames e Santiago declaráronse casos diariariamente nos últimos 14 días.


Tamén en Vimianzo declaráronse casos diarios durante os últimos 10 días, segundo esgrime a Xunta, que incide en que a taxa total da comarca de Terra de Soneira a tres, sete e 14 días alcanzou valores por encima dos estimados para o conxunto de Galicia nestes momentos.


RESTRICIÓNS DURANTE 14 DÍAS

Nesta conxuntura, estas zonas afrontarán novas restricións para actividades de lecer, académicas, relixiosas ou deportivas equivalentes ao nivel tres desde as 00,00 horas deste 1 de novembro. En principio, prolongaranse durante 14 días como mínimo.


No ámbito das celebracións, o DOG recolle que as posteriores ás cerimonias relixiosas e civís deberán respectar un máximo de 50 persoas en espazos ao aire libre ou de 25 en lugares pechados.


Así mesmo, en academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado poderanse impartir clases de forma presencial sempre que non se supere a capacidade do 50% con respecto á máxima permitida. En canto aos establecementos de hostalería, os restaurantes non poderán superar o 50% da súa capacidade na zona do comedor para o servizo de comida.


Ademais, nos bares e cafeterías non se poderá consumir no interior do local, só en terraza; e as terrazas ao aire libre dos establecementos de hostalería e restauración limitarán a súa capacidade ao 50% das mesas permitidas.

En bibliotecas, museos, monumentos e outras infraestruturas culturais aplicarase un máximo de ata cinco persoas nas actividades dos grupos, sexan ou non conviventes, incluído o monitor ou guía, e deberán establecerse as medidas necesarias para buscar a distancia de seguridade entre persoas durante desenvolvemento da actividade, excepto no caso de conviventes.

Así mesmo, en cinemas, teatros, auditorios, circos e espazos similares será de aplicación un límite máximo de 30 persoas para lugares pechados e de 75 se se trata de actividades ao aire libre.


PRÁCTICA DEPORTIVA

Finalmente, o DOG recolle que a práctica de actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, sempre que, neste último caso, todas as persoas do grupo sexan conviventes, sen contar, se é o caso, ao monitor.


Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata cinco persoas, sexan ou non conviventes, sen contar o monitor e sen contacto físico, e sempre que non se supere o 50% da capacidade máxima permitida.

Tamén se poderán realizar actividades de tempo libre destinadas á poboación infantil e xuvenil cando estas leven a cabo ao aire libre, sempre que se limite o número de participantes ao 50% da súa asistencia máxima habitual, con máximo de 50 participantes, incluídos monitores. En espazos pechados, o máximo será de 25 participantes.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress