A Coruña volve pedir a Casa Cornide de mans dos Franco, cuxa presenza tacha de "non grata"
Unha vez esclarecida a propieda do Pazo de Meirás en Sada, a familia do ditador aínda ten algúns asuntos pendentes en Galicia.
O último pleno municipal da Coruña aprobou, coa abstención do Partido Popular, unha moción para reclamar que a Casa Cornide pase de novo a ser de titularidade pública.
O pleno da Coruña aprobou unha moción reclamando a recuperación da Casa Cornide para o patrimonio da cidade e considerando "non grata" a presenza da familia Franco "polo seu empeño en continuar co espolio e manter a propiedade" do citado inmoble.
O texto foi presentado polo BNG, coa incorporación de emendas do PSOE, tras unha iniciativa da Comisión en Defensa do Común con respaldo de distintos colectivos veciñais e sociais, ademais doutras formacións, entre elas Marea Atlántica, que como nacionalistas e socialistas votou a favor. O PP, pola súa banda, abstívose.
O seu concelleiro, Roberto Coira, cuestionou a conveniencia desta moción agora, ao tratarse dun texto que se ratifica nos acordos plenarios do últimos tres anos e que expón avanzar no proceso para que o inmoble --posto á venda polos Franco-- sexa declarado Ben de Interese Cultural (BIC), así como emprender, no seu momento, as accións legais para recuperar a propiedade.
Ao fío desta cuestión, o concelleiro de Marea Atlántica Iago Martínez trasladou o malestar desta organización por entender que non se están dando pasos por parte do goberno local en canto á Memoria Histórica. O edil desta área, Jesús Celemín, defendeu as actuacións a este respecto. "Estamos a traballar nas resolucións do último Consello de Memoria Democrática".
Antes deste debate, a alcaldesa deu lectura a unha declaración institucional sobre a Ría do Burgo, na que se insta a "non demorar máis" a súa dragaxe e a súa rexeneración e tamén a "cumprir" cos compromisos de compensacións económicas.
AS PERCEBEIRAS
Nun pleno, no que se deu luz verde á aprobación inicial da modificación da ordenanza municipal de xestión de residuos e limpeza viaria, rexeitouse, mentres, unha moción conxunta do BNG e Marea Atlántica sobre as medidas de ordenación urbanística na zona das Percebeiras.
Deste proxecto urbanístico, cuestionado desde as filas do BNG e Marea Atlántica, o concelleiro da Coruña de Urbanismo, Juan Manuel Díaz Villoslada, defendeu que reservará un espazo de 22.827 metros cadrados dos 43.941 totais a zonas verdes e de lecer e que se reduce o número de vivendas. Tamén manifestou a intención do goberno local de promover vivendas de protección oficial.
Nos asuntos debatidos no transcurso da mañá na sesión plenaria, deuse luz verde, ademais, a unha moción sobre a problemática da hostalería ante o peche do lecer nocturno. Neste asunto instouse a "non estigmatizar" ao sector. Ademais, o portavoz do goberno local, José Manuel Lage, defendeu medidas --como o cambio de licenza temporal dos pubs-- para amparar a un sector "estratéxico".
Cos votos de Marea Atlántica, PSOE e BNG e a abstención do PP, saíu adiante a unha moción dos primeiros sobre o "abandono" da Coruña nos orzamentos da Xunta e do Estado."Este goberno vai ser esixente", apuntou Lage, quen avanzou que convocarán aos grupos para abordar as demandas.
"Obriguen ao PSOE alí cos seus votos", dixo sobre o Congreso o concelleiro popular Martín Fernández Prado. "É o momento dunha ofensiva diplomática", expuxo, á súa vez, a portavoz de Marea Atlántica, María García, reclamando ao goberno local a esixencia de investimentos.
Nunha sesión plenaria, na que tamén se aprobou outro texto presentado polos populares sobre programas sociais, tamén se acordou, así mesmo, por unanimidade o nomeamento do arquitecto Andrés Fernández-Albalat Lois como Fillo Predilecto da Coruña.
DESPEDIDA DE XIAO VARELA
Por outra banda, nesta sesión plenaria, o concelleiro de Marea Atlántica Xiao Varela despediuse da corporación municipal tras avanzar recentemente a súa renuncia á acta. Ademais de agradecer poder "traballar" pola cidade na que naceu e creceu "", reivindicou o papel desta organización.
"Desde Marea Atlántica demostramos que se podía gobernar doutra maneira, cometemos erros e acertos, pero sempre actuamos con honestidade". Pola súa banda, a súa compañeira María García, portavoz do grupo municipal, recoñeceulle como o concelleiro de "Dereito á Cidade".
Tamén remarcou que deixa "un inxente traballo feito", citando, entre outros, a eliminación do viaduto da Ronda de Nelle ou o acordo sobre o edifico Conde de Fenosa. Tanto ela como a alcaldesa, a socialista Inés Rey, desexáronlle "sorte" na súa nova etapa.
Escribe o teu comentario