Boas noticias: os casos activos de coronavirus baixan por vez primeira desde finais de xullo pese á alza de Pontevedra

Como leva días indicando Galiciapress, a situación mellora aos poucos. A Coruña, Vigo e Santiago parecen estar a dobregar a súa curva. Isto nótase no cómputo de casos activos galegos, que cae por vez primeira desde o 27 de xuño. Agora ben, a cifra de só 161 contagios detectados onte está condicionada polo menor número de PCRs deste mes.


|

Como leva días indicando Galiciapress, a situación da pandemia mellora aos poucos. A Coruña, Vigo e Santiago parecen estar a dobregar a súa curva de casos activos. Isto déixase notar no cómputo galego, que cae por vez primeira desde o 27 de xuño. Agora ben, a cifra de só 161 contaxios detectados onte está condicionada polo menor número de PCRs deste mes e a situación segue sendo preocupante en Ourense e, máis recentemente, en Pontevedra. 


En todo caso, que un día haxa máis altas en Galicia, 173, que positivos, 161, é unha excelente noticia. 





Agora ben, é isto flor dun día ou produto dun verdadeiro cambio de tendencia? Vexamos o que din as medias móbiles a 7 días dos diferentes indicadores.


O primeiro que chama a atención é o baixo número de PCRs realizadas onte, só 2.658. A media cae a unhas 4.400 PCRs ao día. A tendencia era ascendente ata antonte, cando o SERGAS empezou a realizar menos probas.


Ao facer menos probas, é lóxico que aparezan menos contaxios. Onte foron 161 novos positivos, co que a media queda en 241 contaxios ao día. A tendencia é esperanzadora, con caída da media de positivos desde  fai cinco días.


CAMIÑO Ao ANSIADO 5% DE POSITIVIDADE?

A porcentaxe máxima de positividade das probas que a OMS estima para poder declarar un brote en vías de control é do 5%. Onte deron positivo o 6,06%. 


A media está nun 5,56%, preto da porcentaxe indicada pola OMS, pero sen alcanzalo e, o que é máis preocupante, con un repunte nos dous últimos días ao baixar o SERGAS o número de test.


Con todas estas cifras sobre a mesa, podemos inferir as seguintes tendencias:


- Salvo empeoramento repentino, parece que Galicia evitou o crecemento exponencial de primavera nos brotes de verán
- A pandemia leva algo máis dunha semana desacelerando, aínda que de forma moi desigual nas diferentes áreas sanitarias de Galicia
- Para poder controlala definitivamente, o SERGAS necesita seguir facendo os 4.500 - 5.000 PCRs diarias que viña facendo e non levantar o pé do acelerador, como sucedeu nos últimos dous días


O total de casos activos descenderon en 13, ata os 4.230, de acordo con os datos feitos públicos este martes pola Consellería de Sanidade.  


É un 0,3% menos que onte. Se miramos a tendencia, vemos que de media os casos activos están aumentado aínda, un 1,8% máis.






Curáronse da Covid-19 na Comunidade galega un total de 13.965 persoas, que son 173 máis que as que constaban un día antes. O progresivo aumento en curacións, xunto con certa redución dos novos positivos,  explica o menor número de casos activos.

DATOS POR ÁREAS SANITARIAS
Por áreas sanitarias, a de A Coruña mantense como a que rexistra o maior número de casos activos, con 1.413. 





As boas noticias é que son 11 menos, terceira vez no que levamos de mes que descende este indicador. Isto é un claro indicador de que A Coruña está a chegar ao pico do seu rebrote e, dado o seu peso, empuxando para abaixo tamén os indicadores galegos.


Relativamente boa tamén é a evolución  de Lugo, que contabiliza 801 casos activos (15 menos). Con todo, o probable que a área lucense sufra mañá un importante repunte. Os datos do SERGAS adóitanse pechar ás 19 horas do día anterior e esta mañá acaba de saltar ouna pésima noticia, 99 novos contaxiados na residencia DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei.


Así mesmo, a área de Santiago parece aproximarse a un pico. Onte non subiron os casos activos e hoxe baixan en 26, ata quedar en 662 casos activos. 


Agora ben, como houbo 55 altas onte,  isto implica que deron positivo 29 persoas onte na área sanitaria.  Cálculos que nos lembran que a curva de casos activos baixe non implica necesariamente que a epidemia sexa controlada. Con todo, a taxa de positividade onte foi do 4,4 en Santiago, unha cifra esperanzadora.


O resto de áreas sanitaria ve subir o seu número de casos activos. Moi preocupante resulta xa a evolución de Pontevedra, que hoxe volve dispararse con 28 novos casos activos ata os 371. en 4 días a área experimentou unha alza de máis de 100 casos activos, o que apunta a un crecemento exponencial. A situación é máis preocupante debido a que o SERGAS non notificou publicamente ningún brote na zona de Pontevedra nos últimos días. 


Ferrol  contabiliza 170 casos activos, son 11 máis, e segue cunha tendencia de lento ascenso. En Ourense son 467 casos activos, oito máis,  polo menos 7 deles non son orfos, senón que proceden de brotes coñecidos, o que afasta a pantasma da transmisión comunitaria nunha provincia que suma 18 brotes en 8 días.


Vigo é outra das áreas que parecen estar preto de dobrar a súa curva de casos activos. Ten  346, practicamente os mesmos desde hai tres días.

O número de mortos que deixa a pandemia en Galicia é de 663, un máis que as vítimas que figuraban na actualización anterior, tras notificarse este martes o falecemento dunha muller de 80 anos con patoloxías previas na residencia Orpea Coruña, en Culleredo (A Coruña).

Os datos facilitados este martes pola Xunta sinalan que ata o momento realizáronse un total de 369.998 probas PCR na Comunidade, 2.658 máis que no parte do luns.


Os hospitais parecen lonxe de correr risco de colapso, con só o 3% das camas ocupadas por pacientes Covid, aínda que a porcentaxe triplicouse en dúas semanas.





Screenshot from 2020 09 08 15 22 51



Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE