32 expedientes sancionadores a residencias de anciáns este ano, incluído un a DomusVi e outro ao asilo intervido no Barco
Tras acumular máis do 40% das mortes na primeira onda do coronavirus, as residencias de anciáns galegas volven estar no epicentro da pandemia. Hai máis de 228 contaxiados, entre residentes e traballadores, con brotes graves na de Outeiro de Rei e na do Incio. Nesta última, faleceron 15 persoas de coronavirus recentemente.
Tras acumular máis do 40% das mortes na primeira onda do coronavirus, as residencias de anciáns galegas volven estar no epicentro da pandemia. Hai máis de 228 contaxiados, entre residentes e traballadores, con brotes graves na de Outeiro de Rei e na de O Incio. Nesta última, faleceron 15 persoas de coronavirus recentemente.
Traballadoras na Residencia do Incio
Son cifras que reabren o debate sobre o labor inspector da Xunta. A Consellería de Política Social é a responsable de autorizar e controlar este centros.
"Durante este ano 2020 iniciáronse 32 procedementos sancionadores en centros residenciais de persoas maiores, todos eles por deficiencias con respecto á normativa de servizos sociais", responden desde San Caetano fontes oficiais cuestionadas por Galiciapress. Portavoces que puntualizan que eses 32 expedientes non necesariamente teñen "relación directa" con deficiencias relacionadas co COVID-19.
O 82% DOS RESIDENTES DO INCIO CONTAXIÁRONSE E O 10% XA MORREU
Por agora, a Consellería non abriu ningún expediente relacionado co coronavirus á residencia da Fundación San Rosendo no Incio, a pesar de apartar á Fundación da xestión. "En canto á residencia do Incio, nestes momentos a prioridade é brindar aos maiores que están contaxiados a mellor atención sanitaria, tanto dentro do centro como no hospital", argumenta a Xunta.
Segundo cifras oficiais do venres, había 84 maiores e 34 traballadores enfermos no centro intervido pola Xunta. Como a residencia ten 102 prazas e 79 traballadores, segundo o Rexistro Único de Entidades Prestadores de Servizos Sociais, isto implica que se contaxiaron aproximadamente o 82% dos anciáns e o 43% dos operarios. A cifra de falecidos do domingo elevábase a 11, o 10% dos residentes.
A RESIDENCIA DO BARCO, INVESTIGADA POLA GARDA CIVIL
A Xunta si lle abriu expediente a outra residencia despois de intervila, na primavera, A nosa Señora de Fátima do Barco. O procedemento sancionador inciado en xuño "aínda non está finalizado". O Goberno asegura que a interveu porque "a calidade asistencial estaba comprometida" a pesar de cumprir os requisitos arquitectónicos e de persoal.
A Xunta asegura que negoulle a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego á Fundación Benéfica Nosa Señora de Fátima en 2010. Segundo publicou Nos Diario citando a un ex-administrador xudicial da Fundación, a alma máter da residencias tivo relación cun "bar de señoritas" hai décadas no Barco e o seu modelo de negocio era o de "aparcamento de anciáns ata morrer". Varias traballadoras foron chamadas a declarar ante a Garda Civil do Barco. Nesta segunda onda, non hai noticias de ningún contaxiado neste centro.
SANCIÓN A DOMUSVI POR FALTA DE PERSOAL?
A Xunta si concluíu o expediente sancionador a DomusVi Ribadumia. Aberto antes do coronavirus por falta de persoal, afecta ao maior operador con ánimo de lucro do país. É tamén xestor da outra residencia cun gran brote na actualidade, DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei.
A Consellería de Política Social non especifica se sancionou á residencia, pero así parece ser, pois explica que o expedientado aínda pode poñer un recurso, o que non tería sentido de ser resolvido o expediente ao seu favor.
"O procedemento sancionador a DomusVi Ribadumia xa se resolveu. Aínda está en prazo para interpoñer recurso en vía administrativa, polo que non podemos trasladar información concreta porque a resolución aínda non é firme", explican desde San Caetano.
DomusVi Ribadumia non tivo ningún contaxio nin na primeira nin no que levamos de segunda onda. Consultada por Galiciapress a compañía, fontes oficiais aseguraron que "DomusVi non ten constancia de ningunha proposta de sanción".
A maioría das residencias de DomusVi non reforzaron o seu persoal para afrontar a segunda onda, segundo denunciou recentemente Rede. O colectivo de traballadores e usuarios afirma que mesmo teñen menos persoal que na primavera, operarias que ademais están moi desgastadas animicamente.
CAMBIO DE MODELO?
A oposición reclamoulle ao PP a apertura dunha Comisión de Investigación no Parlamento sobre as residencias. Por agora, o partido do Goberno evitou comprometerse.
Alberto Nuñez Feijóo prometeu en campaña abordar un cambio de modelo nas residencias en aspectos como a súa relación co SERGAS, sen que por agora transcendera ningunha medida concreta.
Escribe o teu comentario