A Xunta busca regular corentenas e que as forzas da orde teñan autoridade para suspender espectáculos e desaloxar locais
A Xunta publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) un protocolo sobre as corentenas que incluirá instrucións para "sancionar" no caso de que se incumpran as medidas de illamento, e facilitará que as forzas da orde poidan tomar medidas como a suspensión de espectáculos e o desaloxo de establecementos no caso de detectar "incumprimentos manifestos".
Así o avanzou este mércores en rolda de prensa tras a reunión do comité clínico o presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, que detallou que estas cuestións incluiranse nunha orde que publicará o DOG ao lardo desta xornada.
Na súa intervención, o máximo mandatario autonómico explicou que, "aínda que en termos xerais a cidadanía responde con absoluta responsabilidade" ás medidas de corentena e illamento, "é necesario ter claro que criterios seguir e que facer".
Por iso, o protocolo incluirá, entre outras cuestións, medidas de prevención e control relacionadas con "illamentos forzosos" no caso de que non exista "colaboración voluntaria" e instrucións "para sancionar" para os "incumprimentos".
Así mesmo, o DOG publicará unha modificación da orde de medidas para facer fronte á COVID-19 para "facilitar o labor das forzas e corpos de seguridade e dos concellos" no "control dos espectáculos públicos".
Neste sentido, a Administración autonómica facilitará as inspeccións ante "incumprimentos manifestos" e posibilitará que os axentes poidan "tomar medidas inmediatas", "mesmo de suspensión" do evento e de "desaloxo de establecemento".
Escribe o teu comentario