O contacto dunha traballadora do PSdeG cun positivo por COVID-19 provoca que se atrase a reunión do Grupo Parlamentario
O contacto dunha traballadora do PSdeG en Ourense cunha persoa que deu positivo por COVID-19 obrigou a atrasar a primeira reunión presencial e a primeira foto conxunta do Grupo Parlamentario Socialista, que estaba convocada para este xoves, debido a que se considerou máis seguro que os deputados da provincia non se desprazasen.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, explicou en declaracións aos medios que unha persoa que traballa no PSdeG en Ourense, que non é un cargo público, estivo a pasada fin de semana cun grupo de persoas, entre as cales se detectou un caso de COVID-19. Este mércores a traballadora someteuse a un test rápido, que deu negativo, e está este xoves á espera de que lle comuniquen o resultado da proba PCR.
"Pareceunos que, para manter todas as cautelas, os deputados de Ourense non se desprazasen hoxe a Compostela, á espera do resultado desa proba", indicou Caballero, antes de reunirse co resto de deputados socialistas electos.
O secretario xeral dos socialistas galegos ha manifestado o seu desexo de que a PCR arroxe un resultado negativo e sinalou que buscarán día e hora a próxima semana para facer a reunión de todo o grupo en Santiago e comezar "con toda a forza e todo o impulso" o novo curso político.
Escribe o teu comentario