É a eólica mariña o revulsivo que necesita Galicia para compensar a perda de empregos nas térmicas?
Ángel Mato solicitou o apoio das administracións, como tamén do sector privado na transición enerxética
O primeiro edil de Ferrol argumenta que na próxima década haberá millonarias investimentos en eólica mariña polo que pide a colaboración pública e privada para facer da cidade un polo de desenvolvemento de equipamentos vinculados a esta
O alcalde abriu esta mañá a xornada de Transición Enerxética organizada por CC.OO. de Industria-Galicia.
Na súa intervención este martes na xornada de transición enerxética organizada pola sección de industria de CCOO en Galicia, o rexedor destacou os puntos fortes da cidade como un campus industrial "de referencia" e empresas "de primeiro nivel".
O EXEMPLO DE VIANA
Ángel Mato tamén agradeceu a aposta da Xunta de Galicia polo seu apoio á enerxía eólica mariña e destacou que "hai solucións non invasivas co mariño", nunha alternativa "benvida" respecto ao carbón, nunha enerxía que "acabará sendo rendible", prognosticou.
Para que isto poida ser unha realidade, o apoio das administracións "debe ser fundamental" e afirmou que Navantia ten que "apostar máis" pola eólica mariña, que servirá "para seguir dándolle impulsos ao estaleiro", xunto con outras empresas da comarca como Siemens Gamesa, nas Pontes, ou a propia fábrica de Turbinas do estaleiro da Ría de Ferrol. A colaboración público-privada "é fundamental", para poder xerar "valor engadido" no "aproveitamento da biomasa."
Neste aspecto do "valor engadido", o alcalde destacou que a comarca está en disposición de xeralo con "rotores ou compoñentes" e que na actualidade hai "tarefas pendentes" como o "mantemento de parques."
O rexedor fixo fincapé en que España estivo "á cabeza de Europa" nestes proxectos e agora "hai que competir poñendo por diante a dixitalización", cun modelo produtivo "que debe ser sostible", sendo outra das claves a exportación da tecnoloxía, polo que o país debe ser referencia xa que, ao seu xuízo, "chamaría a atención querer exportar e non ter un só parque de eólica mariña instalado", abundou.
"EN POSITIVO"
Ángel Mato afirmou que quere ver Ferrol e a súa comarca "en positivo", polo que o momento actual cualificouno de "crucial", onde "se abre a porta" para que as administracións "aproveiten esta oportunidade" na transición enerxética e ser referencia na industria do mar, que se sumaría a unha comarca "con séculos de experiencia na construción naval", polo que as empresas, sindicatos e administracións deben "pelexar para poder traballar por isto", sinalou.
TAHOCES PUENE EN CUESTIÓN Os BENEFICIOS DAS ELÉCTRICAS
O director xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, Anxo Bernardo Tahoces quixo sumarse ás palabras do alcalde de Ferrol e considerou tamén "imprescindible" o apoio público-privado á transición enerxética, ao que habería que sumar a "interadministrativa".
A vontade da Xunta de Galicia é "apostar pola descarbonización da economía" e afirmou que isto supoñerá "xeración de emprego."
Ao mesmo tempo mostrouse crítico co discurso da transición enerxética xusta e preguntou se "hai algunha política que sexa inxusta?". E achegou datos, como os beneficios das empresas eléctricas no período entre 2014 e 2017, valorados en 1.700 millóns de euros, mentres que en 2019, no momento de presentar as contas á CNMV "din que hai déficit tarifario", polo que volvía preguntar se estes desaxustes do sistema eléctrico "é xusto que o paguen os fogares?".
Anxo Bernardo Tahoces criticou que o Estado ingresase 1.200 millóns de euros polos impostos ao dióxido de carbono e "só investiron seis millóns" para compensar a produción, polo que volveu a preguntar se iso era xusto, ao mesmo tempo que tamén criticou aos países membros da Unión Europea "que están a tratar este tema de diferentes maneiras".
Outro dos aspectos que tratou era o prezo do megawatt por hora, onde España "é o país co prezo máis caro" respecto a os competidores máis directos, pero no caso de que houbese un aumento do mesmo "sería un custo moi elevado para a pequena e mediana industria", polo que volvía preguntar se era xusto que non se aplicasen neste aspecto as regras da competencia.
O director xeral tamén facía referencia á tramitación no Congreso dos Deputados da lei de cambio climático e transición enerxética que, sumándoa á lei de costas, fará, ao seu xuízo, "que moitas empresas que están preto do mar teñan que pechar".
Para pechar a súa intervención, facía referencia aos plans da Xunta de Galicia en relación ás centrais de Meirama e As Pontes. En Meirama actualmente a administración autonómica está "a elaborar un plan para presentalo á mesa de diálogo social", con propustas como a mellora da comunicación industrial, conseguir chan industrial de valor engadido e economía circular.
En relación ás Pontes, criticou que o gran proxecto elaborado pola Xunta "non o cren nin o Ministerio, nin Endesa", nunha aposta por unha central de biocombustible, mesturándoo na primeira fase con carbón e na última con gas, nunha proba que se celebrará a finais deste mes e cunha duración estimada de oito días.
O APOIO DA UNIÓN EUROPEA
O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Juan Manuel Cividanes afirmou que desde a Unión Europea "han mandado mensaxes claras" como o pacto verde e lembrou que en 2020 cambiouse o marco orzamentario, polo que o desenvolvemento dos investimentos "vai marcado por isto".
Nestes últimos meses, a Unión Europea ha aprobado unha serie de medidas dentro do paquete 'Next Generation' apoiando á transición enerxética, polo que Juan Manuel Cividanes defendeu que Galicia "apostou pola enerxía eólica" e agora a eólica mariña "ten futuro industrial."
O director do Igape afirmou que desde a súa institución queren "apoiar os proxectos empresariais", para así "poder acudir" á Unión Europea, co obxectivo de que se poidan "poñer en marcha", nun momento idóneo "para captar fondos" para a transición enerxética."
"DEBE SUBIR Ao VAGÓN" DA TRANSICIÓN ENERXÉTICA
O secretario xeral de industria de CCOO en Galicia, Víctor Ledo, quixo lembrar que esta xornada foi financiada polos traballadores da xa desaparecida Isowat e agradeceulles que os fondos que obtiveron servisen para sufragar esta xornada.
Víctor Ledo quixo destacar que Isowat fora "unha empresa modélica, con traballadores cualificados e non tiñan competencia en España", ofrecendo os seus servizos a empresas como Naturgy, pero tivo que pechar as súas portas "por non chegar a tempo para poñendo solucións encima da mesa" e lembrou que isto pode repetirse con outras empresas do sector "porque moitas están agora en incerteza", polo que ante a transición enerxética todos teñen "que arrimar o ombreiro."
O secretario xeral de industria considerou que o sector debe "subir ao vagón" e lembrou que tras a pandemia pola covid-19 "vai deixar unha crise económica en todo o mundo".
Outra das súas peticións era que esta transición enerxética non se produza "de maneira abrupta" e lembrou que na actualidade "xa hai compañeiros que están a sufrir isto", debido, principalmente, ao prezo da enerxía e que é "un lastre a efectos produtivos."
Escribe o teu comentario