O Goberno de Asturias anima a matricularse galego-asturiano, a variante do galego do occidente astur
Nin o galego, denominado oficialmente galego-asturiano na autonomía veciña, nin o asturiano teñen a categoría de lingua cooficial en Asturias, pero si se poden cursar nalgúns centros de educación públicos.
As consellerías de Educación e de Cultura, Política Llingüística e Turismo puxeron en marcha a campaña #Apúntache, co fin de animar ao alumnado para matricularse nas materias de Lingua Asturiana e Literatura e Gallego-asturiano para o curso 2020-2021.
Ambos os departamentos pretenden facer chegar á sociedade, en especial ás persoas implicadas no ensino, "o compromiso do Goberno do Principado coa lingua asturiana e o galego-asturiano", indicaron desde o Executivo a través de nota de prensa.
A declaración do estado de alarma pospuxo tanto o proceso de matriculación nos centros como o lanzamento da campaña. Agora, unha vez establecidas as datas de inscrición por parte da Consellería de Educación, actívase a promoción.
#Apúntache está deseñada para chegar aos centros educativos a través de cartelería impresa, á vez que se difundirá nas redes sociais e internet mediante cartelería dixital.
A promoción apóiase tamén en cuñas radiofónicas, que se emitirán en RPA, e nun anuncio de televisión en TPA e nas redes sociais do Goberno de Asturias. A campaña realizouse en asturiano e en galego-asturiano.
Esta iniciativa trata de promocionar a matriculación en asturiano ou en galego-asturiano en cada unha das fases educativas. As datas para realizar a matrícula establecéronse do 23 ao 31 de xullo para Primaria, e do 23 ao 31 de xullo e do 1 ao 7 de setembro para a ESO e Bacharelato.
Escribe o teu comentario