O SUP reclama "máis medios" e "poñer en marcha servizos mínimos", con dous axentes galegos con coronavirus
Dous axentes galegos da policía nacional permanecen illados en corentena por estar infectados con coronavirus, outros oito efectivos están á espera dos resultados e unha vintena pendente de facer as probas.
Dous axentes galegos da policía nacional permanecen illados en corentena por estar infectados con coronavirus, outros oito efectivos están á espera dos resultados e unha vintena pendente de facer as probas.
Roberto González, secretario xeral de SUP Galicia
Segundo os datos facilitados a Europa Press polo Sindicato Unificado de Policía (SUP) en Galicia, un dos axentes, con destino na Coruña, estaba a facer o curso para acceder á categoría de subinspector en Madrid e actualmente permanece illado en Ourense.
Pola súa banda, outro policía nacional galego, con destino en Madrid, permanece illado en Lugo tras comezar a presentar síntomas cando se atopaba nesta cidade e arroxar un resultado positivo nas probas.
O secretario xeral de SUP Galicia, Roberto González, explicou que nos próximos días esperan que aumente o número de casos afectados tendo en conta que outros oito axentes están pendentes do resultado da proba e unha vintena á espera de realizar os test por presentar síntomas ou estar en contacto con algunha persoa infectada.
"Valoramos positivamente que nos cualificase como grupo de risco pero sabemos que as probas van moi lentas e que hai espera", explicou en declaracións a Europa Press.
FALTA DE EQUIPOS
O secretario xeral do SUP Galicia asegurou que hai "unha falta importante" de equipos de protección individual (EPIs) como máscaras, luvas ou xeles. "Somos conscientes de que hai que facer un uso razoable do medios pero dános a sensación de que a policía, neste caso, non quere xerar alarma e trata de evitar que utilicemos os medios", sinalou.
Segundo explicou, cando un axente quere utilizar estes medios, ten que realizar un escrito a través do que debe comunicar a súa utilización. "Tamén cando un axente utiliza medios propios debe comunicar que fai uso dos seus propios medios", censurou.
SERVIZOS MÍNIMOS
Na súa intervención, Roberto González tamén considerou necesario que se poñan en marcha servizos mínimos en todas as unidades ante a declaración do estado de alarma.
"Hai funcionarios que xa están illados, hai outros que ao estar en contacto permanente co cidadán para o cumprimento do real decreto están moito máis expostos e iso fai que nas próximas semanas vaia a haber unha perda de efectivos", explica.
Por iso, para manter a "operatividade" nas próximas semanas considerou necesario "dosificar o persoal" que presta servizos. "Non ten moito sentido que haxa máis patrullas agora na rúa que antes desta situación", explica o secretario xeral do SUP Galicia, que lembra que a "delincuencia" descendeu e que, en xeral, os cidadáns están a respectar o estado de alarma.
Escribe o teu comentario