Carmen Sarceda: “A pesar dos nosos problemas, non cabe dúbida que os nosos títulos de mestre son e gozan de calidade”
Carmen Sarceda Gorgoso, decana da facultade encargada de formar aos mestres do mañá, atende a Galiciapress para informar de que o problema xa está liquidado e que, á vista dos sucedido, os substitutos realizarán, previsiblemente, “un axuste da materia” para os exames de maio. Doutra banda, durante a conversación a decana comenta os incidentes vividos durante as protestas do pasado xoves, o futuro dos graos de maxisterio se o desembarco da universidade privada de ABANCA en Galicia trae consigo os seus propios graos de formación de profesores, e outro dos temas que preocupa ao conxunto de alumnos da Facultade de Formación de Profesorado: o futuro traslado do centro ao campus universitario.
Os alumnos da Facultade de Formación de Profesorado de Lugo levantáronse o xoves pasado en armas contra a USC, á que reclamaron que dunha vez por todas suplise a baixa de dous profesores, que os tivo sen clase en dúas materias durante máis de mes e medio. Este atraso na materia, segundo denuncian os estudantes, pode ter serias repercusións no seu expediente académico e no seu futuro inmediato, sobre todo á hora de poder acceder a bolsas e axudas.
Carmen Sarceda Gorgoso, decana da facultade encargada de formar aos mestres do mañá, atende a Galiciapress para informar de que o problema xa está liquidado e que, á vista dos sucedido, os substitutos realizarán, previsiblemente, “un axuste da materia” para os exames de maio. Doutra banda, durante a conversación a decana comenta os incidentes vividos durante as protestas do pasado xoves, o futuro dos graos de maxisterio se o desembarco da universidade privada de ABANCA en Galicia trae consigo os seus propios graos de formación de profesores, e outro dos temas que preocupa ao conxunto de alumnos da Facultade de Formación de Profesorado: o futuro traslado do centro ao campus universitario.
A profesora Carmen Sarceda durante a toma de posesión como decana
A semana pasada alumnos da Facultade paralizaron a actividade nas clases porque, segundo denuncian, había dúas materias nas que tras máis dun mes e medio de clase non tiñan profesor polas baixas médicas dos titulares. Xa está solucionado ese problema?
Si, xa está solucionado. Unha profesora xa impartiu onte docencia con normalidade cubrindo as dúas materias que estaban pendente de docente e xustamente acabamos de comprobar que a baixa da outra persoa tamén acaba de ser cuberta. Hoxe mesmo asinouse ese contrato. Por tanto, esas dúas materias que estaban sen docente ata o de agora, xa están cubertas.
Como é posible que non se puido cubrir esas ausencias en todo este tempo?
Polo procedemento. Cónstame que desde o vicerreitorado, unha vez comunicáronse as baixas, puxéronse a buscar a persoas para cubrir eses ocos. Existe unha lista de espera, pero o proceso implica que cando hai unha praza libre e as persoas que se atopan nesta lista de espera, aínda que se atopen traballando, se implica unha mellora do contrato, hai obrigación de chamalas. E estas persoas teñen dous días para dar resposta. Por tanto teñen que empezar desde o primeiro da lista e iso demora moitísimo o proceso.
Pero ao final falamos de máis dun mes e medio de atraso. Significa que neste tempo todos os docentes contactados declinaron a oferta?
Si, así é.
Os alumnos critican das repercusións que isto terá no seu expediente académico. Moitos temen mesmo que, se non se cobren esas baixas, non poidan examinarse desas materias e que iso lles condicionará á hora de pedir bolsas o curso que vén. Valoran tomar medidas extraordinarias á vista de todos os condicionantes que existiron ata o de agora?
Hai unha cousa que é o sentido común. E as persoas que se incorporaron a esas prazas teñen sentido común e entenden perfectamente que non é o mesmo a nivel de contido e traballo o que se lle pode pedir a un grupo que estivo durante as trece semanas con docente e cun traballo continuado, como ten que ser, que cando só cursan a metade da materia. Iso é algo que os profesores entenden, como é de sentido común, e nesa liña axustarán loxicamente as características reais da docencia desas materias que non se puideron impartir nas condicións adecuadas.
Entendo entón que o que pode ocorrer é unha redución da materia que se vaia a impartir.
Máis que un recorte probablemente falemos dun axuste.
INCIDENTES E UNIVERSIDADE PRIVADA
Na xornada do xoves pasado moitos alumnos tamén criticaron a postura de moitos profesores que non lles mostraron apoio e a súa propia postura, xa que aínda que vostede animounos a manifestarse para facer visibles as súas reivindicacións, logo non atendeu ás súas protestas cando a atoparon na cafetería. Por que non se dirixiu a eles?
Eu desde un primeiro momento todas as conversacións que tiven cos alumnos cando mandaron comunicacións e reclamacións foi recoñecerlles o seu dereito para ter esa docencia. Iso é algo que eles souberon desde o principio. No momento en que eles dixeron que de dirixían a min –durante as protestas-, eu estaba na cafetería con outras dúas persoas. E non se dirixiron a min. En ningún momento pediron falar comigo, senón que o que dixeron –cos seus cánticos- foi ‘A decana non dá a cara’. E eu, con esa frase, non entendín que quixesen falar comigo, porque o normal é que estando no mesmo sitio e querendo conversar comigo é que viñesen falar comigo. Eu non quixen interromper o seu percorrido polo centro porque non entendín que realmente quixesen falar comigo, debido a que en todos os momentos que solicitaron falar comigo ou co vicedecano sempre foron atendidos.
Protestas dos alumnos de Educación Infantil o pasado xoves
En pleno debate sobre o desembarco da Universidade privada a Galicia, a sensación que transmite a pública con este caso é que non ten marxe suficiente como para asegurar a docencia aos docentes do mañá. Teme que se ABANCA oferta un grao de maxisterio este faga desaparecer ou desprace ao da pública?
Creo que os títulos de mestre na Universidade de Santiago de Compostela levan moitos anos impartíndose moi ben con profesorado moi bo, moi comprometido, con profesorado non só con calidade docente senón que tamén investigadora. Nese sentido considero que é moi difícil que todo este proceso previo de traballo sexa suplido por unha nova universidade que parte de cero. Con todas as limitacións, con todos os problemas que temos a nivel de profesorado, non cabe dúbida que os nosos títulos de mestre son e gozan de calidade.
Non soamente dicímolo nós, senón que é unha calidade recoñecida, como así se reflectiu hai pouco nun informe, onde as titulacións de Educación da Universidade de Santiago de Compostela estaban entre as cincuenta mellores titulacións de España a nivel de ciencias sociais. Neste sentido penso que por aí non viría o problema. A nosa calidade está demostrada e contrastada e considero que unha persoa que queira adquirir non soamente un título senón tamén formación acorde ao que se lle vai a esixir nun futuro exercicio profesional optará pola universidade pública.
TRASLADO Ao CAMPUS UNIVERSITARIO
Outro dos temas que preocupa ao alumnado é o previsible traslado da Facultade ao campus universitario. A que obedece este traslado?
É unha decisión do equipo reitoral. É unha decisión que foi comunicada non só ao equipo decanal senón que o xerente Javier Ferreira veu a este centro nunha Xunta de Facultade extraordinaria, onde informou a todos os membros da comunidade educativa. É unha decisión que tomaron eles. É ademais unha decisión na que se nos pediu que creásemos un equipo de traballo de Identificación de Necesidades, un equipo que xa foi proposto e aprobado en Xunta de Facultade. É un equipo de traballo formado por PDI (Persoal Docente e Investigador), por PAD (Profesor Axudante Doutor) e por representantes de alumnado. Foi elaborado ese informe, trasladado ao equipo reitoral e agora estamos a esperar pola súa valoración e resposta.
E a vostede este movemento que lle parece? Cando di que esta é “unha decisión do equipo reitoral” significa que non termina de darlle o seu apoio?
Non, non se trata de que a apoio ou non. Nós o que temos é un problema grande de espazo neste centro. Temos moitos alumnos, temos un edificio compartido co CEIP Anexa que expón problemas que expón problemas tanto para eles como para nós: nin eles teñen espazo nin nós temos espazo. Entón, buscar unha nova localización con espazos suficientes e necesarios para desenvolver unha docencia de maior calidade e máis organizada a nivel de horarios, porque os espazos condicionan os horarios, iso sería bo. Agora, evidentemente, as circunstancias que se teñen que dar son esas. Debe tratarse dunha oportunidade de mellora. Nese sentido si que valoraría iso como unha oportunidade de mellora e un paso para avanzar. Noutras condicións non estaría conforme, aínda que non é unha decisión miña.
Pero uno dos grandes alicientes da Facultade, que é un das referencias tanto en matriculas como formación, é o seu emprazamento e a posibilidade de que os profesores do mañá compartan espazo con alumnos de ensinos non universitarios. Por que perder ese valor engadido?
Creo que non, porque non soamente veñen alumnos do colexio de Anexa, senón que veñen tamén alumnos doutros sitios, por exemplo Castroverde, que non está precisamente á beira. O que hai que buscar son os medios de desprazamento, porque neste momento xa digo que están a vir a talleres a colaborar connosco alumnos que están en centros a varios quilómetros de Lugo.
Facultade de Formación do Profesorado | Foto: USC
Entendo que todo isto ten un proceso e aínda se está avaliando, pero, cal é o futuro da Facultade? Onde será recolocada?
Non lle podo dar unha resposta a iso. A posibilidade de recolocación ten que ver coa posibilidade dun espazo onde se poida dar resposta ás necesidades espaciais que demandamos e ás condicións que precisamos. Non teño os datos das medidas dos centros do campus de Lugo e non podo darlle unha resposta a isto.
Este 2020 a USC terá que negociar as partidas orzamentarias dos próximos anos co novo goberno que salga das urnas. Que reclamaría vostede como decana á USC para o campus de Lugo ou mesmo á Consellería de Educación?
O que reclamo son investimentos en recursos docentes, fundamentalmente. A situación neste centro é que o profesorado está sobrecargado de horas. E cando se produce algún tipo de situación extraordinaria é moi difícil dar unha resposta áxil, xusto polos procedementos existentes.
Sería necesario dotar de profesorado estable, de profesorado cunha maior marxe de manobra, para poder cubrir estas situacións puntuais e esas posibles baixas e imprevistos que necesariamente van xurdir e xorden en maior volume nun centro cun número de alumnos como temos nós. O investimento en recursos humanos, fundamentalmente en docentes, aínda que tamén en persoal de conserxería, é unha reclamación que manifestamos desde o equipo decanal noutras ocasións e que seguimos manifestando.
Escribe o teu comentario