Sábado a alerta laranxa por temporal en toda a costa de Galicia
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia activou para este sábado unha alerta laranxa por temporal costeiro no noroeste e oeste que afecta a toda Galicia e especialmente á provincia da Coruña.
Segundo informa este departamento da Administración autonómica, o fenómeno meteorolóxico adverso xa deu comezo esta madrugada por mar combinado de oeste-noroeste con ondas de ata 6 metros. A situación agravarase a partir do mediodía, xa que se esperan ventos do suroeste de forza 7.
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior xa informou da situación aos concellos da provincias afectadas, ás deputacións, aos servizos provinciais e ás agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Con estas xestións espérase que as institucións adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.
Ademais, a Xunta lembra a importancia de que as persoas "se manteñan afastadas" da liña de costa, é dicir, de diques, peiraos, espigóns, praias, paseos marítimos e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Tamén é preciso que eviten aproximarse e vixiar posibles caídas de obxectos de balcóns e xanelas.
Así mesmo, o Goberno galego aconsella "extremar as medidas de seguridade" se se realiza calquera actividade no mar e "revisar os cabos e amarres" das embarcacións.
Escribe o teu comentario