(VÍDEO) O trap con retranca de Verto e a súa 'Oie Gayego' que non se esperaban os espectadores de Luar
O tema 'Oie Gayeg' é unha crítica con moito humor a todos os clichés que temos que soportar os galegos e galegas dentro e fóra de Galicia.
O tema 'Oie Gayeg' é unha crítica con moito humor a todos os clichés que temos que soportar os galegos e galegas dentro e fóra de Galicia.
Saír de Galicia, para un galego, supón na maior parte das ocasións espertar o interese dos que o rodean cada vez que abre a boca. O noso particular acento é motivo suficiente para que máis dun empece a arquear as cellas ou tente imitar, con maior ou menor fortuna e con máis ou menos graza, a nosa forma de falar, que moitos consideran, canto menos, singular. "Falades como cantando" ou "sodes tan riquiños" son algunhas das frase que os galegos e galegas oímos en case calquera punto de España e que, agora, pertencen ao imaxinario colectivo e á noite galega da man de Verto e a súa 'Oie Gayego'.
O tema recolle todos os aspectos -clichés- que os de fóra achacan á xente de Galicia. O mal tempo, a gastronomía, o verdor da nosa terra ou a nosa forma de ser -"simpáticos pero pechados"- son algúns dos temas que pon sobre a mesa Verto na súa 'Oie Gayego', co que deixou sorprendidos aos asistentes e espectadores do popular programa 'Luar' da TVG, onde interpretaron a canción.
Cos seus ritmos caribeños e o seu estilo trapero o grupo critica, con moitas doses de humor, a todos aqueles de dentro e fóra de Galicia que aínda din 'Sanjenjo' ou 'Rías Baixas', que tentan buscarlle un significado á retranca ou que fan de menos aos galegofalantes por non utilizar o castelán.
"E a morriña que? E o sentidiño que? E a fariña que?". E que e que e que e moitas preguntas sen resposta que, como adiantou o grupo, terán que esperar ao próximo xoves 23 de xaneiro en Avante, data que supoñerá a presentación en sociedade do tema, que xa conta con ilustres como o exalcalde Martiño Noriega entre os seus fans.
A única pregunta que seguro que quedará sen resposta é a que se fan no tema e que compartimos aqueles a os que nos tocou abandonar Galicia nalgún momento da nosa vida: "Canto teño que estar vivo, para que non cerco onde vivo me deixen tranquilo".
Escribe o teu comentario