Comisións Obreiras denuncia que o SERGAS "incumpre" o acordo que puxo fin á folga nos PACs
O sindicato reclama saber "cales son os criterios que sustentan o incremento de persoal" que anunciou a administración para estes centros.
O sindicato reclama saber "cales son os criterios que sustentan o incremento de persoal" que anunciou a administración para estes centros.
Protesta dos traballadores dos PACs
O enfrontamento entre os PACs e o SERGAS pode ter un novo capítulo aínda por escribir. A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia vén de denunciar que o Servizo Galego de Saúde "incumpre o acordo que permitiu finalizar coa de folga dos Puntos de Atención Continuada (PAC)".
O acordo, alcanzado o pasado mes de xullo, obrigaba á Xunta a dotar de máis persoal e de máis material aos centros entre outras cuestións. Con todo, como sinala CC.OO., "o SERGAS non cumpre co asinado porque na última comisión de seguimento do acordo, a mediados do pasado decembro, limitouse a anunciar o incremento de persoal, sen acompañalo dos preceptivos plans funcionais".
"Os plans funcionais, que deberían ser negociados cos sindicatos, son un estudo de necesidades onde se teñen en conta parámetros como a carga asistencial, a dispersión, a distribución por idades ou o número de traslados mediante o 061", comentan desde o sindicato, que denuncia que sen os plans correspondentes "non sabemos de onde sae o incremento de persoal nin se é suficiente".
SENTENZAS DO TSXG
Nesta liña, o sindicato reclama ao SERGAS que lles faga chegar os estudos pertinentes -"se hai algún tipo de estudo feito"- "á representación legal dos traballadores e das traballadoras e á comisión de seguimento do acordo", que serán os encargados de avalialos.
Ademais, lembra ao SERGAS que debe cumprir as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en canto ao cómputo horario do persoal dos PACs, unhas sentenzas que especifican que "todo o recolleito nos calendarios laborais terá a consideración de tempo de traballo efectivo".
Escribe o teu comentario