Ofrezan mellores condicións e conseguirán reabrir o paritorio de Verín, dille o BNG ao SERGAS
A pesar da urxencia da situación, a convocatoria da Xunta non incluíu ningún incentivo, denuncian os nacionalistas
A deputada do BNG Noa Presas demandou unha nova convocatoria de prazas para pediatría "máis atractiva", así como reabrir o paritorio e servizo de urxencias pediátricas do hospital de Verín (Ourense), tras quedar de novo baleira a cobertura destes postos.
O BNG lembra que no seu momento xa avisou de que esa convocatoria "nacía errada", pois era igual á que quedou deserta hai uns meses. "O Sergas non se tomou a molestia de incentivar nin o máis mínimo estas contratacións", critica.
Nun comunicado, a deputada nacionalista acusa ao PP de non fomentar unhas condicións atractivas para atraer a profesionais. Censura que foi a "política laboral" do Partido Popular a que levou a sanitarios a marcharse de Galicia a outras partes do Estado.
Por iso, reclama que a nova convocatoria teña incentivos económicos, de estabilidade, así como de investigación e rotación con outros hospitais. "Necesítase de acción política por parte da Xunta de Galicia para facer algo diferente e que poida resolver a ausencia de pediatras no hospital comarcal de Verín", agrega.
Mentres estas prazas non estean cubertas, Noa Presas empraza a aplicar "a rotación que se estaba facendo antes de tomar a decisión unilateral de pechar a sala de partos de Verín". Indica que se realizan noutros hospitais comarcais e non entende a razón que impide levar a cabo este tipo de solución temporal.
Escribe o teu comentario