O Dépor gaña vinte xornadas despois no triunfo máis amargo de Luís César
Os branquiazuis, que superaron ao Tenerife cun gol de Peru sobre a bucina, encadean dous triunfos seguidos se sumamos a vitoria copeira.
Os branquiazuis, que superaron ao Tenerife cun gol de Peru sobre a bucina, encadean dous triunfos seguidos se sumamos a vitoria copeira.
O Dépor celebrou a súa segunda vitoria ligueira | Foto: RC Deportivo
No minuto 90 os poucos afeccionados que había en Riazor miraron ao ceo con desesperación, desexando unha tregua. Suso, de penalti, puxera as táboas noutro partido no que todo parecía indicar que os puntos voarían lonxe da Coruña. Pero, vinte xornadas despois, a historia cambiou no minuto 95, permitindo á parroquia deportivista celebrar unha vitoria ligueira, algo que non ocorría desde a primeira data do campionato. Un triunfo que, a pesar de todo, parece que non cambiará o destino de Luís César, sentenciado e á espera de que se formalice o regreso de Fernando Vázquez ao banco branquiazul.
O partido púxose pronto de fronte para os locais, que ao cuarto de hora, e previa intervención do VAR, gozaron dunha oportunidade desde os once metros para poñerse por diante. Aketxe errou ante Ortolá e mantivo o empate no luminoso, circunstancia que só duraría uns minutos, ata que no minuto 20 Koné conectou un formidable centro desde a dereita que cabeceou de forma brillante Santos para poñer o 1-0.
O primeiro tempo non deixou moito máis, aínda que o Dépor ofreceu unha boa imaxe –sobre todo se a comparamos con encontros pasados-. No segundo tempo o Tenerife foise estirando e os minutos pasaron factura aos pupilos de Luís César, que aos poucos se foron cohibindo e encerrándose na súa área. Malbasic obrigou a Dani Giménez a realizar unha das paradas da xornada cunha sensacional estirada. Eliot e Milla tamén o tentaron, sen sorte. Ata o traveseiro repeleu un remate tinerfeño.
E cando máis apertaba o Tete, Montero sacou a súa man para pasear e, de novo co VAR como xuíz, o árbitro sinalou o punto fatídico. No minuto 90 Suso Santana non dubidou e fixo o 1-1, que parecía definitivo. Con todo, nun exercicio de entrega e arroxo, o Dépor empuxou e na última oportunidade do encontro Aketxe serviu un corner ao primeiro pau que Peru, tan criticado hai uns días, rematou ao fondo da rede no 95 para amarrar tres puntos en casa. Os primeiros desde agosto. E, con sorte, os primeiros de moitos. A cuestión é se con Luís César, que xa sabe o que é gañar no Dépor, á fronte do banco de Riazor.
Escribe o teu comentario