Así é a crise da sanidade no rural: O SERGAS non atopa médico substituto para A Pastoriza
Hai que lembrar a dificultade que hai para atopar facultativos substitutos, tanto en Galicia como no resto de España, pola falta de profesionais nas listas de contratación", explican desde a EOXI. A Xunta pon énfase que se cubriu de "forma permanente" a xubilación dun médico "ata a baixa do substituto".
Alguén mente na Pastoriza, ou os veciños que denuncian recortes e atrasos no seu Centro de Saúde ou o SERGAS que os nega. Tras alertar cinco asociacións de veciños de que estarán sen pediatra ata Reis e que unha cita co médico de familia tarda semanas, a Xunta remite a Galiciapress unha clara resposta: "o centro de saúde da Pastoriza non perdeu ningún servizo sanitario, nin viu minguada a calidade da atención prestada nel". Recoñece, iso si, dificultades para atopar un médico de familia substituto. Problema que empezan a sufrir cada vez máis áreas rurais e que pode agravarse pronto.
Veciñas diante do Centro de Saúde da Pastoriza
PEDIATRÍA
As protestas veciñais teñen dúas frontes. Por unha banda, acusan ao SERGAS de deixalas sen pediatra desde o 20 de decembro ata o despois de Reis, debido a que o especialista que acode un par de días á semana non estará e -como din que sucede a miúdo- a Xunta non o substituirá, polo que terán que levar aos seus fillos a Hospital de Lugo.
A Consellería de Sanidade non entra a debater datas de ausencias nin substitucións. Sobre pediatría, limítase a afirmar que "tampouco houbo ningunha variación". Na súa opinión, "a atención pediátrica é a mesma, sen modificación, e sempre resolveu as necesidades asistenciais dos ao redor de 200 nenos do concello".
ATENCIÓN PRIMARIA
Máis detallada é a resposta da EOXI de Lugo sobre Atención Primaria. Os veciños quéixanse de que o Centro de Saúde ten tres médicos de familia, pero que unha praza non se cobre a miúdo debido a que é temporal. Cando ademais hai algunha baixa dos dous galenos estables, dispáranse os atrasos. Como exemplo, din que este martes estaban a daser citas para o martes da semana seguinte.
"Consultadas as axendas de citación dos profesionais da Pastoriza dicir que non é certo que haxa demoras dunha semana, habendo ocos libres para estes días", contestan portavoces oficiais.
O que si admite a Xunta é problemas para garantir que haxa tres médicos de familia sempre. En todo caso, alega que as dificultades se deben ao problema común a toda Galicia: o SERGAS está a ter moitos dificultades para cubrir baixas de médicos de familia porque as listas de substitución están semi-baleiras.
"Este Centro de Saúde conta con tres prazas de facultativos. Un deles xubilouse e a súa ausencia foi cuberta sempre cun facultativo substituto. A persoa substituta está de baixa desde hai uns días, o que fai difícil cubrir esta nova ausencia. Aínda así o Sergas cubriu esa baixa do substituto sempre que puido contratando outro especialista, sempre que foi posible. Hai que lembrar a dificultade que hai para atopar facultativos substitutos, tanto en Galicia como no resto de España, pola falta de profesionais nas listas de contratación", explican desde a EOXI.
A Xunta pon énfase que se cubriu de "forma permanente" a xubilación dun médico "ata a baixa do substituto". Nova ausencia que cubriu "sempre que se puido e atopouse outro substituto". En definitiva, en opinión da Administración, o Centro de Saúde da Pastoriza está tan ben dotado como sempre, máis aló de ausencias puntuais, fronte ás que "a Xerencia da Area Sanitaria de Lugo está a realizar un enorme esforzo para cubrir sempre pode esta e outras situacións de ausencia de profesionais".
O PROBLEMA DE FONDO É QUE OS MÉDICOS DE FAMILIA GALEGOS EMIGRAN
É posible que a ningunha das partes fáltelle razón. Nin aos veciños, que notan como cada vez máis a miúdo teñen que conducir -os que teñen coche- ata as urxencias do HULA, 40 quilómetros, saturando así as urxencias lucenses. Nin á Xerencia, que ante os inevitables imprevistos choca contra o muro da falta de profesionais nas listas de substitución pediatría e de médicos de familia.
A razón última do conflito parece ser o problema estrutural de falta de galenos nestas especialidades, polo menos de os dispostos a traballar temporalmente. Aí é onde hai opinións diverxentes.
Plataformas de usuarios e sindicatos insisten en que o problema é que a Xunta non oferta unhas condicións laborais o suficientemente atractivas aos médicos temporais, polo que os mozos acaban emigrando fuxindo da precariedade. A Administración de Galicia deféndese, como fai a miúdo, culpando a Madrid. Nese caso por non convocar máis prazas MIR que permitan engordar rapidamente as hostes de mozos facultativos dispostos a cubrir baixas e ir facendo méritos en centros de saúde rurais.
Unha problemática que non ten fácil solución e que ademais pode agravarse. Moitos dos médicos de familia titulares do SERGAS son dunha idade avanzada e están prontos á xubilación.
Aproximadamente, a metade, segundo fontes sindicais. Parece, pois, que, sen un xiro radical na política do SERGAS, outras zonas rurais pronto poden sufrir as mesmas carencias que denuncian na Pastoriza.
Escribe o teu comentario