O éxito de Feijóo en acaparar o centro-dereita pódeselle volver en contra ante a resistencia de PSOE, Podemos e o avance do BNG
A esquerda galega resiste e mantén opcións de desbancar a Alberto Nuñez Feijóo do goberno da Xunta en 2020. Esta é unha das conclusións que se pode sacar da noite electoral do #10N en Galicia. Agora ben, tamén se puiden dicir que o presidente do PPdeG sae reforzado das eleccións xerais.
A esquerda galega resiste e mantén opcións de desbancar a Alberto Nuñez Feijóo do goberno da Xunta en 2020. Esta é unha das conclusións que se pode sacar da noite electoral do #10N en Galicia. Agora ben, tamén se pode dicir que o presidente do PPdeG sae reforzado das eleccións xerais.
VOX EN GALICIA NON GERMINA
E é que mentres Vox dispárase en case toda España, en Galicia non logra nin un deputado. Os de Santiago Abascal apenas avanzan 2 puntos, ata o 7 por cento. Vox en Galicia é a quinta forza política.
Vox en España é a terceira forza política. Vox en España ten máis do 15% dos votos e avanza 5 puntos. É dicir, Vox en España duplica a Vox en Galicia.
Un dos factores que explica esta diferenza é o discurso moderado da marca PPdeG. Mentres Pablo Casado e Albert Rivera pelexábanse por aparentar ser máis centralistas que Abascal, Feijóo insistía en tentar atraer votantes mesmo do centro-esquerda.
A xogada saíulle relativamente ben aos conservadores galegos. Recuperan cinco puntos porcentuais e gañan un escano. Non é moito, nin sequera moito máis que a ganancia da versión máis moderada de Pablo Casado que vimos tras o verán, pois o PP estatal avanza 4 puntos.
Con todo, si é o suficiente para poder sacar peito. O PPdeG volve ser o partido máis votado en Galicia. Os conservadores galegos recuperan o chanzo máis alto de podio, aínda que sexa polos pelos.
Con máis do 98% escrutado, os 'populares' avantaxan ao PSdeG en só 0,43 puntos . Un empate técnico, vaia. De feito, os dous grandes sacan cada un dez escanos e empatan en todas as provincias. A tres deputados na Coruña e Pontevedra, a dous deputados en Lugo e Ourense.
Con todo, eses 0,43 puntos de vantaxe sobre os socialistas sérvenlle a Feijóo para que unha das poucas partes do mapa de España que se ve en pintado de azul nas televisións estatais sexa a esquina galega.
Detalle non baladí, especialmente dado o complicado que o pode ter Pablo Casado. Certo é que o PP se recupera de 66 a 88, pero é unha recuperación pírrica, visto o desastre de Cidadáns. Casado non ten con quen pactar para formar goberno, ante a desfeita absoluta de Albert Rivera. Ademais, o ascenso fulgurante de Vox fai de Abascal o home de moda na dereita.
Casado, por encima, debe estar a se temer xa a chamada de Pedro Sánchez para formar unha 'gran coalición'. Visto o xiro centralista de Sánchez, parece difícil que o PSOE se lance outra vez á aventura do 'goberno Frankestein'.
E son varias as voces do PP que levan pedindo ao seu partido que valore investir ao PSOE, a cambio de chegar a pactos de Estado. Certo que unha desas voces está retirada, a de Mariano Rajoy; pero outra non.
Alberto Nuñez Feijóo deixouno claro: para sacar a España do bloqueo o PP debe estar disposto a pactar co PSOE. Unha tese que Casado rexeitou en campaña pero que agora deberá considerar, so pena de que se lle considere corresponsable dunhas terceiras eleccións, escenario nada esperanzador visto o subidón de Vox.
SEN SOCIOS AOS QUE AGARRARSE EN GALICIA
Feijóo sae do 10N máis forte na area estatal, pero sigue sendo vulnerable en Galicia. O PSOE -pese ao evidente desgaste que tivo o fracaso para formar goberno en Moncloa- ándalle a rebufo e, o que é peor para o PPdeG non ten onde agarrarse.
Ao contrario do que lle sucede noutras autonomías, nestes tempos postbipartidismo o PPdeG non ten un socio á vista en Galicia. Moito tería que recuperarse Cidadáns para levantar o 4,31% destes comicios e sacar algún deputado nas autonómicas do ano próximo.
Galicia sempre foi un terreo árido para as dereitas centralistas españolas. Cidadáns Galicia logrou sacar cabeza na primavera, pero fíxoo despois de anos de travesía no deserto, travesía á que regresou pouco despois. Antes aquí xa fracasou UPyD e, agora, Vox -o partido do que todos falan na dereita española- tampouco consegue nada en Galicia.
O PPdeG é consciente disto fai lustros. De feito, Manuel Fraga fixo bandeira dun claro discurso autonomista que levantaría sarpullidos a Abascal, Rivera ou Casado. Aplicando a receita do galeguismo fraguiano, Feijóo conseguiu que non inzara nin a semente de UPyD, nin a de Cs nin a de Vox.
O seu problema é que, visto os resultados de todos os comicios deste ano, agora viríalle ben un socio que lle axudase a lograr esa maioría, pois conseguir el só a absoluta antóllase moi complicado.
O PSdeG de Gonzalo Caballero mantense firme por encima do 30% dos votos, polo que estaría en condicións de ou empatar ou quedar preto do PPdeG nunhas autonómicas. E os socialistas, a diferenza dos conservadores, si teñen socios factibles.
Os de En Común Unidas Podemos resisten o embate do errejonismo. Máis País, a pesar da presenza de Carolina Bescansa, a penas logra o 2% dos votos, porcentaxe similar ao que perden os morados. Antón Gómez Reino e Yolanda Díaz volverán ao Congreso dos Deputados e está por ver que os de Errejon compitan nunhas autonómicas galegas.
Outra forza que pode sumar para desaloxar a Feijóo é o Bloque. Os nacionalistas son os galegos que máis contentos saen do 10N. Ana Pontón e os seus reciben unha inxección de moral ao lograr que Néstor Rego entre no Congreso. Con case o 10% dos votos nas estatais, están ben posicionados para proseguir o seu lenta pero constante remontada.
Entre PSOE, Podemos, BNG e Máis País sumaron máis de 774.000 votos. Entre PP, Cs e Vox uns 637.000. En definitiva, a esquerda galega ségueo tendo ao alcance da súa man.
Agora ben, visto o ancestral
cainismo da esquerda galega e española, está claro que Feijóo tamén ten ao alcance da man igualar o éxito a marca de Fraga e o seu galeguismo conservador.
Escribe o teu comentario