Rafael Serrano á fronte de AHOSGAL, o colectivo de hospitais privados de Galicia
AHOSGAL elixe a un profesional con moita experiencia en relacións laborais e institucionais
A Asemblea da Asociación de Hospitais de Galicia (Ahosgal) acordou nomear a Rafael Serrano Hernández como novo director xerente para desenvolver os labores de dirección da organización, representación e execución das estratexias establecidas polos hospitais privados da Comunidade galega.
Segundo informou a asociación nun comunicado de prensa, entre outros obxectivos, Rafael Serrano, nas súas novas funcións, "traballará para incrementar a colaboración entre a sanidade pública e a privada para contribuír á sustentabilidade e eficiencia do sistema sanitario galego".
Así mesmo, "buscará a promoción da asistencia sanitaria de calidade, universal e accesible en Galicia", destaca Ahosgal, que engade que o novo director xerente "conta cunha dilatada experiencia na xestión de organizacións de representación empresarial".
TRAXECTORIA PROFESIONAL
No período 2005-2017 desempeñou diversas funcións executivas na Confederación de Empresarios de Galicia, entre as que Ahosgal destaca a coordinación da participación institucional da patronal galega en diversos organismos institucionais.
Entre outros, formou parte do Consello Galego de Saúde (2010-2017), Consello Económico e Social (2005-2016) e do Observatorio Galego de Negociación Colectiva.
Diplomado en Ciencias Empresariais (UDC) e Executive MBA polo IESIDE, Rafael Serrano é especialista en Relacións Laborais (USC). Tamén exerceu como responsable da área de Diálogo Social en Galicia na Confederación de Empresarios no período 2006-2012.
Escribe o teu comentario