Empresas galegas do naval tentan comprarlle Barreiras a Pemex

"As auxiliares non teñen interlocutores para avanzar nos proxectos, aos que poder dirixir as súas queixas ou propostas (...).


|

"Última bala" para salvar o maior estaleiro público de España. As empresas acredoras -ás que Barreras lles debe unha millonada pola construción do cruceiro de luxo para Ritz Carlton- negocian cos mejicanos comprarlles o seu 51% do capital para poder acabar eles os barcos e reflotar a industria. 


A industria auxiliar afectada pola crise de Hijos de J. Barreras acordou unanimemente dar "un paso adiante" para desbloquear a situación e negociará con Pemex (accionista maioritario da empresa a través da súa filial PMI, com un 51 % dos títulos) para "tomar o control" do estaleiro, ben mediante a súa entrada no accionariado ou ben mediante a cesión de dereitos políticos para ter "capacidade de decidir".


Representantes da plataforma de auxiliares acredoras do estaleiro vigués Barreiras

PEMEX O VE CON BOS OLLOS
Así o trasladaron en rolda de prensa os representantes da plataforma de auxiliares acredoras, o letrado Alberto Rocha e o secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, quen explicou que Pemex mostrou "boa disposición" ante esta vía.

Segundo incidiu Mallón, esta "non é a solución preferente, pero é á que abocaron á industria auxiliar", dado o bloqueo na situación, que desembocou nun escenario "inédito", "similar a un peche patronal". "As auxiliares non teñen interlocutores para avanzar nos proxectos, aos que poder dirixir as súas queixas ou propostas (...). Non é admisible, isto parece máis o agocho que unha xestión empresarial seria", criticou o secretario xeral de Asime.

Así as cousas, as auxiliares decidiron este mércores nunha reunión poñer sobre a mesa unha nova vía: "tomar as rendas do proceso" e "intervir para influír nas decisións", o que, ademais, permitiríalles ter "un papel máis activo" no caso de que Barreras acabase entrando en concurso.

Nesa liña, expoñen constituírse en sociedade para iniciar a negociación e, como paso previo, remitirán a Pemex a próxima semana "unha carta de intencións" sobre a folla de roteiro a seguir. Deste xeito, as opcións poderían ser, ben capitalizar débeda (intercambiando parte desa débeda que Barreras ten con elas e que ascende a máis de 25 millóns de euros por accións) ou ben negociar a cesión de dereitos políticos "con opción de compra" para poder ter voz e voto nas decisións do estaleiro.

CAPACIDADE PARA ACABAR Os BARCOS
A ese respecto, os representantes das auxiliares aclararon que estas empresas teñen capacidade técnica sobrada para terminar os proxectos de Barreras, pero "non capacidade económica" para asumir máis custos ou quitas sobre as débedas (no caso dalgunhas empresas, de máis de 2 millóns de euros).

Para estes plans, recoñeceu Alberto Rocha, é "imprescindible" contar coa complicidade do armador do principal contrato, Ritz Carlton, para acabar o cruceiro de luxo que está na bancada, "e o resto de barcos", en alusión á carteira de pedidos do estaleiro, que ascende a máis de 800 millóns de euros.

"XENEROSIDADE" DOS ACCIONISTAS
Con esta proposta sobre a mesa, "a última bala na recámara", Enrique Mallón pediu "xenerosidade" aos actuais accionistas de Barreras, porque "falta un capitán" no estaleiro e as auxiliares asumiron o compromiso de tentar sacalo adiante. "Hai que eliminar egoísmos, ou defensas numantinas das accións de cada un (...), non podemos encerellarnos en negociacións de cantidades desorbitadas, porque as accións de Barreras valen o que valen", subliñou.

CRÍTICAS Aos VASCOS DE ALBACORA
Así mesmo, o secretario xeral de Asime advertiu, con respecto ao grupo Albacora, aínda que sen nomealo, que non se pode estar nun consello de administración co 24,5 % das accións para facer "turismo industrial". "Non vale o inmobilismo, cando invistes nunha empresa falo con todas as consecuencias. A solución que nós propoñemos podíana expor outros accionistas", indicou, e advertiu de que "isto non é o monopoly, hai que ser serios e estar para os premios e recoñecementos, pero tamén para a xestión".

Finalmente, Alberto Rocha admitiu que, a día de hoxe, seguen sen coñecer as contas de Barreras, aínda que "é evidente a insolvencia", tras solicitar o preconcurso, e probablemente "hai un desequilibrio patrimonial, perdas acumuladas e fondos propios negativos".

BARRERAS ESTÁ EN PRECONCURSO
Con todo, e ante a posibilidade de que o estaleiro entre en concurso, este letrado puntualizou que "o concurso non ten por que ser a morte" ou liquidación de Barreras, senón que implicaría a entrada dun administrador "competente, profesional e neutral" que non teña "dobres intereses".

Os representantes da plataforma de auxiliares insistiron en que "están en xogo mil empregos" e a supervivencia de numerosas empresas, e instaron ás entidades financeiras a manter "a confianza" no sector e ser "parte da solución" porque a caída do estaleiro pode ter un "impacto desastroso" tamén para elas.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE