​Plan Revitaliza: o “selo de calidade e respecto ao medio” que ten a todos mirando a Pontevedra

Galiciapress entrevista a César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra polo BNG e o home detrás do Plan Revitaliza, un proxecto que acumula distincións internacionais e que puxeron á provincia de Pontevedra á cabeza de Europa no tratamento de residuos. 


|

Galiciapress entrevista a César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra polo BNG e o home detrás do Plan Revitaliza, un proxecto que acumula distincións internacionais e que puxeron á provincia de Pontevedra á cabeza de Europa no tratamento de residuos.


Mosquera mostra os resultados dun programa do que se benefician 43 concellos, que formou a máis de cen persoas e que xa estudan en China. “Nunca se fixo un traballo así de ir casa por casa, local por local, clínica por clínica para conciencialos sobre o tratamento e a separación de residuos”, afirma Mosquera.


CHINESES ESPECIAL1

O Plan Revitaliza é o proxecto estrela da Deputación de Pontevedra


O proxecto Revitaliza é, en palabras de Mosquera, “a síntese de toda unha serie de experiencias que houbo e aplicar as partes que funcionaron de cada unha delas e que axudan a resolver as carencias doutros sistemas”. “Nestes momentos todas as miradas do continente están postas aquí”, comentan con orgullo desde a Deputación. E con motivo, xa que o proxecto foi declarado dous anos seguidos pola axencia europea Zero Waste como ‘Experiencia Ambiental Relevante na Unión Europea’ dentro de España. Non son para menos os aplausos de Mosquera e o resto da Deputación, xa que a axencia catalogou a Revitaliza como un “caso para estudar” a nivel ambiental, ao considerar que este plan é aplicable a outras rexións de Europa que compartan as características de Pontevedra: poboación dispersa e rural.


Este recoñecemento internacional explica que nos últimos meses sucedéronse visitas como a da delegación chinesa que visitou Pontevedra a principios de mes, nun circuíto que tamén os levou a Gipuzcoa, Navarra ou Lombardía para coñecer en primeira persoa como é o tratamento de residuos nesas zonas e poder aplicalo máis tarde en Canton, provincia máis poboada de China, onde os residuos comezan a ser un problema e buscan alternativas para o seu tratamento.


“Son conscientes de que están a crecer moito e moi rápido pero teñen serios problemas ambientais, polo que queren abreviar o proceso que vivimos en Europa e alcanzar canto antes a fase cara á que estamos a camiñar no relativo ao tratamento de residuos”, comenta o vicepresidente da deputación en relación á visita dos emisarios cantoneses.  


XUEHUA ZHANG DELEGACION CHINESA

A delegación chinesa estivo a estudar o plan pontevedrés


O que nos comunicaron é que eles ían tentar adaptalo alí, onde tamén existen zonas cunha densidade de poboación baixa ou mesmo dispersa”, razoa o vicepresidente provincial. A pesar de que as impresións dos emisarios asiáticos foron “positivas” Mosquera advirte que este é un proceso que pode variar segundo as zonas nas que se practique. “Este é un proceso biolóxico no que non hai estandarización posible. Non é como dicir que un vai fabricar aceite, senón que é un proceso no que depende dunha serie de factores externos”, afirma.


SELO DE CALIDADE

E este modelo, baseado no compostaxe pero de tratamento de todos os residuos e capaz de traspasar fronteiras, xa está en 43 localidades adheridas ao plan das 61 que compoñen a provincia. Concellos “de todas as cores políticas” e actualmente “en distintos graos de implantación” dentro de Revitaliza.


Algúns municipios, como Vilaboa ou Mondariz teñen a día de hoxe “índices de separación de vidro, papel e plástico brutais”. Pero o plan vai moito máis alá do ben que pode facer aos concellos. “Hai máis de cen restaurantes dentro do plan e agora existe unha importante demanda para que lles outorguemos o distintivo que os identifica como restaurantes dentro do proxecto, xa que isto converteuse nun selo de calidade e respecto ao medioambiente”, argumenta Mosquera dun plan que está preto de conseguir que polo menos unha decena de localidades consigan que este sexa o seu “sistema universal no tratamento de residuos”.


Con todo, e a pesar dos resultados alentadores, Mosquera recoñece que polo momento é un sistema que non lle pode botar man a unha gran cidade como é o caso de Vigo. “A Vigo non a podemos atacar, talvez parcialmente, pero de facelo como o estamos facendo supoñería destinar case tantos recursos como o que destinamos ao conxunto de concellos actuais”, lamenta Mosquera, nun proxecto que destina anualmente “ao redor de dous millóns” e no que o maior gasto faise “en persoal, pero mesmo neste aspecto estamos a reducilo”.


APOSTA POLA FORMACIÓN

Un dos puntos fortes deste plan da Deputación pontevedresa é o programa que puxeron en marcha para formar ao persoal que posteriormente integra o proxecto, con 102 persoas formadas traballando para a Deputación, concellos ou empresas. “Normalmente estes proxectos fanse sen que haxa xente cualificada para facer o seguimento, algo que non é difícil, pero hai que saber e non hai moitos profesionais que saiban”, explica Mosquera.



“Neste sector”, expón, “apenas hai profesionais ben formados e cada vez son máis necesarios coa cantidade de diñeiro que están a mover os residuos. Este é un nicho de traballo que vai a máis”.  Do mesmo xeito, considera que a carencia deste perfil en deputacións e mesmo en gobernos autonómicos supón un importante gasto “porque logo hai auténticos despilfarros a eito en plans que son tolemias por falta de coñecemento”.


“NUNCA SE FIXO UN TRABALLO ASÍ”

Doutra banda, algunhas veces son os propios usuarios os que moitas veces rompen a cadea que “a pesar de que teñen boa vontade” fallan á hora de aplicar os coñecementos que lles proporciona a Deputación para poder tratar de forma correcta os bioresiduos. “Moitos aínda non teñen claro que cousa debe ir en cada contedor e nós non deixamos de complicarlle a vida á xente”, resume Mosquera, en alusión a que nas plantas de reciclaxe é onde se fai a maior parte da separación en canto a envases, latas, bricks e cristais, xa que aínda que en moitos casos todos van ao mesmo contedor cada un sométese a un proceso distinto. “É mellor que o boten todo xunto e logo procéseno en planta a que os envases terminen nos residuos orgánicos e contaminen todo o proceso”, esgrime.


Esa falta de coñecemento por parte dos usuarios é a que tenta combater a Deputación e a que termina sendo o labor máis duro e na que se invisten máis horas. “Nunca se fixo un traballo así de ir casa por casa, local por local, clínica por clínica para conciencialos sobre o tratamento e a separación de residuos. Ese traballo, o da formación, é un traballo lento e sistemático, que non se fixo, é o que provoca que leve tempo arrincar e poder cambiar o sistema”, xustifica Mosquera, que reclama un maior peso da cultura da reciclaxe para poder recortar os prazos no futuro.


Nese sentido, o vicepresidente puxo de exemplo a predisposición da delegación chinesa á hora de tentar adaptar e aprender do Plan Revitaliza, xa que todos viñeron “coa lección estudada e ben documentados”. “Quédanos moito por aprender deles, porque é tremenda a súa avidez e interese por querer saber. O coñecemento vale moitísimo e aquí non se valora nada”, sentenza Mosquera respecto diso.


Mosquera carela silva

César Mosquera xunto á presidenta da Deputación Carmela Silva


“A clave é unha boa separación dos orgánicos. Ese é o asunto central. Unha vez logrado iso, que representa o 52% do total nas Rías Baixas, con moi pouco esforzo somos capaces de separar o papel, vidro, plásticos…Se non se fai un esforzo en separar estes residuos os resultados son moito menores”, sinala Mosquera como alicerce fundamental do tratamento de residuos.  “Con esta proxección o ano que vén podemos ter algún concello que logre reducir o 60% do que manda a Sogama”, argumenta o nacionalista dun proxecto que aproveita ao ano en compost máis de dous mil toneladas de bioresiduos.


MÁIS PROXECTOS E FUTURO

Outros elementos fundamentais do proxecto son o uso de leña triturada e reducir o número de desprazamentos o máximo posible. “Hai que garantir que haxa o estructurante suficiente (leña triturada) para lograr que o material consiga temperatura e non cheire. Ademais apostamos por un tratamento in situ, de quilómetro cero”, advirte Mosquera.


Doutra banda, desde a Deputación insisten en que polo momento os composteiros que están a dar un mellor rendemento son os comunitarios que aínda que necesitan uns coidados “un pouco máis sofisticados polos mestres composteiros” proporcionan “un mellor compost e están a funcionar mellor”. A pesar de que tentan chegar a todos os recunchos posibles, desde a Deputación son conscientes de que a reciclaxe non pode ser perfecto. “Hai circunstancias onde non hai máis remedio que levar os residuos a que se trate en planta o máis preto posible, aínda que non é o óptimo”, agrega Mosquera.



Pero o Plan Revitaliza, aínda que se erixiu como o proxecto estrela do organismo pontevedrés, non é a única aposta. “Estamos a traballar noutros proxectos como uno ideado para os montes co que queremos trazar un plan que sexa sensible co medio, coa paisaxe, contra os incendios…”, aínda que neste caso apunta que existen “moitos impedimentos burocráticos” que retardan o proxecto e que obrigarán a “darlle un descanso”.


Con todo, desde a vicepresidencia da Deputación non esconden que aínda que os resultados de Revitaliza están a resultar satisfactorios, polo momento vai ser “imposible eludir as sancións económicas”, xa que aínda estamos lonxe de cumprir os estándares esixidos pola normativa europea, aínda que “esta é a vía correcta”. Pontevedra marca a senda para alcanzar un futuro sustentable e respectuoso co medio. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE