Os detidos polo alixo de media tonelada de cocaína en Marín enviados a prisión
A maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 de Marín acordou prisión provisional, comunicada e sen fianza para os cinco detidos na provincia de Pontevedra en relación cun alixo de 500 quilos de droga intervido pola Policía Nacional a semana pasada.
Por agora non transcenderon as entidades dos presuntos narcos. Na operación colaboraron autoridades colombianas e da DEA de Estados Unidos.
A maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 de Marín acordou prisión provisional, comunicada e sen fianza para os cinco detidos na provincia de Pontevedra en relación cun alixo de 500 quilos de droga intervido pola Policía Nacional a semana pasada.
Un dos detidos polo alixo de droga en Marín entrando nos xulgados nunha imaxe da CRTVG
Os detidos en Galicia neste operativo pasaron a disposición xudicial este domingo no xulgado de garda de Marín, tras o que se decretou o seu ingreso en prisión acusados dun delito de tráfico de drogas en cantidade notoria e outro de pertenza a organización criminal. Así mesmo, o xulgado pontevedrés inhibiuse en favor da Audiencia Nacional.
Ademais das detencións practicadas, a Policía Nacional interveu 500 quilos de droga nunha nave do lugar de Coirados, en Marín, no marco desta operación antidroga, que o xoves pasado levou a cabo cun amplo despregamento no barrio pontevedrés de Estribela e no municipio veciño de Marín, ademais de en outros puntos de España.
DESPREGUE
Unidades especializadas da Policía Nacional practicaron varios rexistros e controis nas barriadas marinenses de San Pedro e de San Xulián, así como na avenida Marqués de Valterra, en Estribela, onde axentes armados inspeccionaron diferentes vehículos.
O dispositivo estivo dirixido polos efectivos do Greco Galicia (Grupos de Resposta Especializada contra o Crime Organizado), en colaboración coa Brigada Central de Estupefacientes de Madrid e axentes da Unidade de Intervención Policial (UIP) e do Grupo Especial de Operacións (GEO), así como outras unidades da Policía Nacional que incluíron o apoio aéreo dun helicóptero.
A operación, dirixida pola Brigada Central de Estupefacientes e coordinada tamén co Greco Galicia, saldouse en Galicia con cinco detidos na provincia de Pontevedra.
Escribe o teu comentario