O BNG leva á ONU o caso da Fundación Franco e a lexitimación da ditadura

Pedirá no pleno da Coruña o inicio de accións legais para recuperar a Casa Cornide

|

A Fundación franquista impide a moitas familias de vítimas acceder a documentación, alegan os nacionalistas para insistir na necesidade de ilegalizar este "anacronismo" 


O BNG denunciou o "veto" ao acceso a documentación pública e privada sobre a ditadura franquista e anunciou que pedirá á ONU que investigue ao Estado español ao entender que existe unha vulneración da normativa internacional por parte de España.


Rolda de prensa de Francisco Jorquera e Ana Miranda, do BNG, sobre a denuncia ante a ONU polo acceso a documentos franquistas


Así o informaron, nunha comparecencia ante os medios de comunicación, a portavoz do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda; o portavoz desta formación no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, e o investigador Carlos Babío.

Fixérono ante a Casa Cornide, propiedade dos Franco, e xunto a algunhas das nove persoas que o próximo 5 de novembro serán xulgadas pola ocupación simbólica deste inmoble, tras unha denuncia da familia do ditador, segundo explicaron.

ILEGALIZACIÓN DA FUNDACIÓN FRANCO
Antes, sobre a iniciativa ante Nacións Unidas, Ana Miranda explicou que se lle insta a que "investigue ao Estado español por non permitir o acceso a documentos públicos e privados en relación coa ditadura franquista", expuxo sobre o contido da denuncia que basean tamén nunha "vulneración" da Lei de Memoria Histórica. "E por manter vivas fundacións de contido fascista, é un anacronismo en Europa", engadiu, en referenecia á Fundación Franco e outras que fan apoloxía da ditadura militar.

Sobre estas fundacións, dixo que teñen "documentos relativos a moitas das persoas represaliadas e non se nos facilita ese acceso". Destas entidades, pediu tamén a súa ilegalización por ser "antidemocráticas".

"ACCESO Á VERDADE"
E é que Ana Miranda explicou que o feito de que en España haxa "oito fundacións franquistas e golpistas, máis a imposibilidade de acceso a documentos que establece a Lei de Memoria Histórica" é o que lles leva a presentar unha denuncia ante Nacións Unidas, mediante o mecanismo de revisión universal de dereitos humanos.

"Fai catro anos, Nacións Unidas fixo unha serie de recomendacións, entre elas o acceso á verdade", explicou Miranda, quen precisou que en setembro saberán se a súa denuncia é admitida.

FALTA DE ACCESO AOS ARQUIVOS
Mentres, o investigador Carlos Babío denunciou que "é imposible traballar na recuperación da Memoria Histórica" sen o acceso a determinados documentos da Guerra Civil e primeiros anos da Transición española.

Respecto diso, asegurou que, unhas veces, non son de acceso público porque o determinan as administracións "e outras, arbitrariamente, sen normativa". A iso, sumou a aplicación "con carácter retroactivo, da Lei de Protección de Datos".


XUÍZO POLA CASA CORNIDE
Pola súa banda, Francisco Jorquera reivindicou o traballo levado a cabo, entre outros, polo investigador Carlos Babío sobre o patrimonio dos Franco. Destes traballos, dixo que lles cargaron " de argumentos para esixir que o Concello da Coruña inicie accións legais para a restitución da Casa Cornide", petición que reclamarán no pleno municipal de setembro.

Sobre o xuízo ao que se enfrontarán as nove persoas que ocuparon simbólicamente a Casa Cornide, avanzou que están imputados "por un delito de falta leve, de coaccións, pero cabe a posibilidade de que a familia Franco pretenda aumentar e agravar as penas".

"Aos 19 de Meirás, súmanse agora os 9 de Meirás", resumiu. "É un novo exemplo do mundo revés, cidadáns que loitan de maneira pacífica para denunciar o espolio dos Franco sentan no banco dos acusados, mentres os herdeiros do ditador seguen con total impunidade e lucrándose co que nos expoliaron".

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE