Avanzan as negociacións de PSOE e BNG para que Tomé sexa o novo presidente da Deputación de Lugo
Tras unha primeira reunión, este luns hai un novo encontro para detallar o pacto que previsiblemente converterá ao alcalde de Monforte de Lemos no novo presidiente provincial.
O BNG avoga por selar o acordo de goberno cos socialistas na Deputación de Lugo antes do próximo xoves, xornada para a que está convocada o pleno de investidura da institución provincial.
EfrÉn Castro | BNG
O deputado provincial electo do BNG Efrén Castro informou de que o pasado venres ambas as formacións mantiveron unha "primeira toma de contacto" nunha reunión que este edil sarrián describe como "bastante cordial".
NOVA CITA ESTA TARDE
Castro destacou que socialistas e nacionalistas retomarán esta tarde as negociacións co obxectivo de chegar a un acordo antes do pleno de constitución.
"Parece que poden avanzar ben (as negociacións) pero o do venres foi unha primeira toma de contacto e hoxe pola tarde volvemos ter unha reunión co PSOE para ver si avanzamos na formación de goberno", sostén.
Conforme sinalou, "o obxectivo das negociacións é que estean pechadas antes da investidura" do xoves, na que se prevé que o alcalde de Monforte, o socialista José Tome, sexa investido presidente pola suma de dez deputados do PSOE, tres do BNG fronte a doce do grupo maioritario que volve ser o PP.
Escribe o teu comentario