Un sistema de avisos por SMS para os pacientes do hospital de día de Oncoloxía
A Xerencia de Xestión Integrada de Santiago puxo en marcha un novo sistema de avisos para os usuarios que están pendentes de recibir o tratamento nos hospitais de día de Oncoloxía e Hematoloxía. Trátase dunha plataforma de comunicación baseada no envío de SMS que chegan ao teléfono da persoa que o paciente ou os seus achegados designan.
"Pode acudir á sala de tratamento" --Pode acudir á sala de tratamento-- é a mensaxe que reciben, co obxectivo de "mellorar a autonomía dos pacientes" xa que lles permite "non estar fisicamente na sala de espera mentres se preparan as doses" de medicamento.
Esta tecnoloxía enmárcase dentro do plan de humanización da xerencia para mellorar o confort dos pacientes, explicou o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) nun comunicado.
As mensaxes son enviados desde o propio computador do hospital de día mediante a plataforma Lembra, "polo que a comunicación entre a enfermería e o paciente é directa e inmediata". Así, o Sergas subliñou que este venres, día da súa posta en marcha, "recibiu moi boa acollida entre os usuarios".
Tal como lembrou o Servizo Galego de Saúde, os hospitais de día de Oncoloxía e Hematoloxía "foron concibidos para ofrecer unha asistencia integral", de modo que cada vez que o paciente acode a recibir tratamento realízanse as actuacións asistenciais nunha única visita, o que "necesariamente orixina esperas entre as actuacións asistenciais, imprescindibles para garantir a seguridade do proceso de administración do tratamento".
Escribe o teu comentario