Consentimentos informados do SERGAS para embarazadas en árabe, en polaco…pero non en galego; denuncia A Mesa
O SERGAS volve protagonizar outra polémica ao redor da lingua galega, tal e como denunciou unha usuaria viguesa á plataforma A Mesa por Normalización Lingüística.
O SERGAS volve protagonizar outra polémica ao redor da lingua galega, tal e como denunciou unha usuaria viguesa á plataforma A Mesa por Normalización Lingüística.
O Servizo Galego de Saúde volve estar baixo a lupa da Mesa pola Normalización Lingüística despois de que a plataforma recibise a denuncia dunha usuaria viguesa na que se queixa de que o SERGAS non puxo ao dispor desta muller os consentimentos informados en lingua galega, como reclamou en varias ocasións obtendo sempre unha resposta negativa.
A denunciante, que pediu os documentos durante os seus últimos meses de embarazo, lamenta as voltas que deu o servizo de saúde para negarlle o dereito para estar informada na súa lingua. “Primeiro pídenche que esperes e, despois de horas de espera, infórmanche de que non existe versión en galego nin no hospital nin na ligazón do SERGAS nin na Sociedade Galega de Xinecoloxía”, lamenta a usuaria, cando acudiu ao Álvaro Cunqueiro, onde sí lle confirmaron que dispoñían deses informes en polaco ou árabe.
Desde a plataforma, a directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintans, contou unha vivencia parecida, tamén no SERGAS. Do mesmo xeito, reiterou que un 12% das queixas referidas polos usuarios o ano pasado en ‘A Liña do Galego’ estaban relacionadas cos servizos prestados polo SERGAS.
“A Liña do Galego só recolle unha mínima parte das discriminacións e vulneracións de dereitos que ocorren todos os días e que en moitos dos ámbitos son sistemáticas”, recalcou Marcos Maceira, presidente da plataforma.
NON É UN FEITO ILLADO
Este non é un episodio illado nin no SERGAS nin no Álvaro Cunqueiro, senón que é un máis. Hai uns meses, un usuario do complexo hospitalario xa denunciou unha situación parecida, cando ía ser sometido a unha intervención cirúrxica e solicitou recibir o consentimento informado en galego. Con todo, os membros do hospital admitiron que non podían cumprir a súa solicitude e que unicamente podía dispoñer do documento en castelán.
O paciente presentou unha reclamación ante a Unidade de Atención ao Paciente do Hospital Álvaro Cunqueiro, onde esixía que o SERGAS dispuxese dos documentos en galego en un prazo de 20 días, co fin de non vulnerar os seus dereitos lingüísticos. Superado o prazo, o usuario non recibiu resposta da administración, advertindo que valoraba emprender accións legais ante esa situación.
Escribe o teu comentario