​“Nunca pedín diñeiro ao Concello de Boiro; tiven que pedir un crédito para traer ao meu curmán de Suíza”

Jesús Romero explica a Galiciapress o problema que o levou a pedir axudar ao Concello de Boiro, a estar tres meses nun hospital suízo acompañando a un familiar á espera dun auxilio que nunca chegou e a enfrontarse nun mitin ao alcalde de Boiro, Juan José Dieste. 


|

Tras o balbordo creado por o vídeo dos seus reproches ao alcalde Boiro, Jesús Romero explica a Galiciapress o problema que o levou a pedir axudar ao Concello, a estar tres meses nun hospital suízo acompañando a un familiar á espera dun auxilio que nunca chegou e a enfrontarse nun mitin ao edil do PP, que agora pode perder o goberno local.


Juan josé dieste boiro

Juan José Dieste (con cazadora negra) atendendo a uns veciños


A recta final de campaña polas eleccións municipais de Boiro estivo marcada pola polémica. O ata entón alcalde da localidade barbancesa, Juan José Dieste, tivo un encontrón cunha parella de veciños que acudiron a un dos seus mitins para reprocharlle ao alcalde que non os axudase nun problema familiar cando estes recorreron ao consistorio en busca de axuda administrativa. Jesús Romero e a súa muller Rosana foron as dúas persoas que protagonizaron o tan comentado vídeo, e agora explican todo o ocorrido para Galiciapress.


“NUNCA PEDIMOS DIÑEIRO”

A finais de 2018  Evaristo Teira, primo de Romero e que por entón traballaba en Suíza, sufriu un ictus que o deixou hospitalizado. Romero tivo que desprazarse ata alí para poder acompañar ao seu familiar e tentar traelo de volta a Galicia e que fose tratado aquí, algo que conseguiu co seu diñeiro e con moita axuda, aínda que  segundo o seu testemuño non do Concello de Boiro. Tristemente, o desenlace co falecemento de Teira produciuse pouco despois de regresar a España. Desde entón, tanto Jesús Romero como a súa familia seguen esperando explicacións do goberno local sobre o motivo polo que non lles facilitaron asistencia.


Pero a Romero o que máis lle doe agora é a versión oficial dada aos veciños e que se pode ver nos últimos minutos de vídeo. Despois da discusión mantida con Dieste, a secretaria do alcalde ofrece unha explicación aos veciños presentes sobre o ocorrido; aducindo que a petición de Romero e a súa familia non puido ser atendida porque nos documentos que requirira o consistorio local figuraba unha conta bancaria, algo que segundo afirma Romero está moi afastada da verdade.


Non se quen lle deu a ela esa información, porque nós non lle demos ningunha información dunha conta bancaria”, comenta Romero, que agora está pendente de arranxar todo o relacionado co patrimonio que o seu familiar, xa falecido, tiña en Suíza, algo que deixou a cargo dun avogado que se atopa levando o seu caso no estranxeiro. “Eu pasei tres meses no hospital co meu primo e ata o segundo mes non souben nada da súa conta bancaria, porque alí non é igual que en España, el non tiña caderno bancario nin nada…agora o que me sorprende é que ela fale dunha conta bancaria”, di o familiar de Evaristo Teira.


Jesús Romero confirma que si foron en busca de auxilio ao concello, pero en ningún momento pedindo axuda económica. “Eu o que quería era axuda polos papeis e o tema burocrático, porque co PP na Xunta e en Madrid malo sería non poder contactar con alguén nun consulado ou embaixada para desbloquear a situación do meu primo e poder traelo de volta a España”, argumenta, recalcando que nunca se baseou nun tema de diñeiro.


UNHA DÉBEDA PARA PAGAR A AMBULANCIA

O diñeiro que custou traer ao meu primo de volta a España saíu todo do meu peto. O concello non puxo un só euro, porque tampouco nunca llo pedimos. Nós só queriamos axuda administrativa para os trámites burocráticos dese país”, sostén Romero, que tivo que pedir un préstamo bancario para poder facer fronte aos gastos. “Falaron mesmo de facer unha colecta, pero eu non lle pedía diñeiro a ninguén. Hai bancos para pedir préstamos como tiven que facer, non é cuestión pedirlle diñeiro nin ao alcalde nin a ninguén. Non llos pediu nin ao meu primo”, afirma Romero.


Finalmente, co seu diñeiro, Jesús Romero puido traer ao seu curmán de Suíza, cun pago de 8.000 euros para poder pagar a UCI móbil que o trouxo de volta a España, que contaba con dous condutores, un médico e un ATS.


AXUDA DO BNG

“Eu non teño por que darlle as grazas ao alcalde. Quedou en poñerse en contacto connosco e seguimos esperando a resposta. O único que nos mandou foi unha felicitación ao móbil en nadal cando o meu primo levaba xa tres días enterrado”, lamenta Romero, que o único que quería era unha desculpa do rexedor. “Encima que logo che vinga a pedir o voto, mandándoche vídeos do PP… Ata nos mandou o vídeo da manifestación na Praza de Colón!”, di Romero.


De quen si chegou axuda foi do BNG de Boiro. “Eu estaba entre o eixo e a roda: en Suíza, sen saber o idioma, con todas as cousas complicadas de alí…Pero entrei en contacto con xente do Bloque e conteilles o meu caso e como desde o concello non nos axudaron”, afirma Romero. A partir dese momento, chegou un pouco de luz á súa situación. “Puxéronnos en contacto con xente de emigración, chamáronme Ana Pontón e Ana Miranda e puidemos empezar a movernos”, explica, subliñando que sen esa axuda “aínda estaría tirado en Suíza”.


O MITIN DE RUNS

Sobre o ocorrido durante o mitin celbrado en a aldea de Runs, Romero reprocha as formas coas que Dieste dirixiuse a eles. “Un ten aínda a espiña no corazón de que non che botaron unha man e logo ves as formas...primeiro fan como que non che coñecen, logo di que aquí nos coñecemos todos e sóltame ‘Xa sabemos a que andas ti e ao que te dedicas’, non se que quere dicir con iso”, asegura Romero.


A pesar do ocorrido, Romero deixa claro que esta é unha batalla contra o alcalde e non responde a cuestións políticas. “Eu non teño nada nin contra o PP nin contra ese nin ningún partido. Teño problemas contra ese señor e a súa secretaria, porque a primeira vez que foi a miña muller ao concello díxolle que non podía atendela sen darlle cita. Tivemos que chegar ata Dieste a través dun familiar directo seu, porque se non aínda estariamos a esperar”, critica o afectado.


A ESQUERDA PODE ARREBATARLLE O CARGO

Fomos alí a dicirlle que non merece ser o alcalde de Boiro. Nada máis”, sentenza Romero. As urnas agora deixaron aberta a posibilidade de que Dieste non poida reter a alcaldía, xa que a suma das forzas da esquerda na localidade privaría ao PP de manterse á fronte do consistorio. Mentres, a familia de Evaristo Teira segue esperando unha resposta. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE