O Centro Dramático Galego busca nova dirección

A directora do Centro Dramático Galego (CDG) comunicou este martes oficialmente ao Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a súa intención de deixar o posto no mes de outubro para emprender novas actividades profesionais.

|

A compañía pública sacará un concurso para substituír a Fefa Noia, que abandonará o cargo o próximo outono.


A directora do Centro Dramático Galego (CDG) comunicou este martes oficialmente ao Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a súa intención de deixar o posto no mes de outubro para emprender novas actividades profesionais.


Fefa Noia deixa a dirección do Centro Dramático Galego
O máximo órgano directivo da entidade, presidido polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, agradeceu a Fefa Noia o seu traballo no últimos catro anos, á vez que lle desexou éxito nos seus proxectos futuros.

En relación a esta cuestión, na súa reunión deste martes, o Consello Reitor acordou tamén a "inmediata posta en marcha" dun procedemento público de selección para a provisión da praza de coordinador do Departamento de Produción Teatral da Agadic, que conleva, entre outras funcións, a dirección da compañía teatral pública e a planificación da actividade da súa sede escénica, o Salón Teatro de Santiago. O posto quedará vacante a partir do 1 de outubro, data na que será efectiva a saída da actual directora.

Fefa Noia incorporouse ao CDG en xaneiro de 2016, despois de superar a correspondente convocatoria pública de acceso, resolta en decembro de 2015. Durante a súa etapa, a compañía institucional acometeu a produción propia de catro espectáculos: Tartufo, de Molière, con dirección de Carles Alfaro; Martes de Entroido, de Valle-Inclán, con dirección de Marta Pazos; Divinas Palabras Revolution, tamén de Valle-Inclán, con dirección de Xron; e a que está agora mesmo en xira: Neorretranca e Posmorriña, de Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal , baixo a dirección de Gena Baamonde.

Segundo lembrou a Xunta, a súa xestión estivo presidida pola atención á dramaturxia galega actual, na que centrou o programa de difusión e apoio Dramaturxente (integrado polas liñas de acción DramaturXa ou TeatrHoxe, entre outras), a reactivación das residencias técnicas e artísticas no Salón Teatro para dar servizo ás compañías privadas e o impulso ao plan de coproducións, fórmula pola que o CDG contribuíu neste tempo á materialización doutras doce montaxes.

Tamén incidiu no teatro familiar, incrementou a actividade formativa para escolares e para profesionais do sector, retomou a edición de textos teatrais e puxo en marcha iniciativas de conciliación, así como funcións inclusivas, xornadas de portas abertas e encontros.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE