Problemas en varios PACs por falta de médicos e enfermeiras
A Xunta obriga a un 100% de servizos mínimos na folga dos Puntos de Atención Continuada (PACs) do SERGAS; pero o certo é que a propia Administración non dota todas as prazas con médicos e enfermeiras suficientes, denuncian os folguistas
A Xunta obriga a un 100% de servizos mínimos na folga dos Puntos de Atención Continuada (PACs) do SERGAS; pero o certo é que a propia Administración non dota todas as prazas con médicos e enfermeiras suficientes, denuncian os folguistas
O colectivo PACs en pé de guerra denuncia falta de profesionais médicos en varios centros de saúde da área da Coruña: Cambre, Carballo, Arteixo e a propia capital herculina.
Unha pasada protesta dos traballadores sanitarios
Así, segundo os seus datos, a noite do luns o funcionamento do PAC da Casa do Mar sufriu atrasos porque un dos galenos tivo que ir cubrir a ausencia dun compañeiro en Cambre. Sucede que nesa vila o SERGAS só destina un médico ao PAC. Ademais, "esa mesma tarde desde as 15 ás 18 horas o PAC de Carballo estivo cun médico de menos".
Ademais, o PAC do SERGAS en Arteixo este sábado "non tivo enfermería dispoñible no centro durante a maior parte da tarde , pois a única dispoñible estivo a atender domicilios e emerxencias fose do centro". Logicamente, isto causou importantes atrasos aos pacientes. O colectivo lembra que Arteixo ten máis de 30.000 habitantes e a súa PAC só dispón dun equipo ; "con reforzos puntuais que nin sequera son equipos completos".
Por agora, o SERGAS non respondeu ás críticas lanzadas por PACs en pé de Guerra. Cando hai falta de galenos, a Xunta adoita escudarse na falta de profesionais nas listas de contratación. Escusa non válida para o caso de Arteixo, pois non hai déficit de profesionais de enfermería nesas listas.
Hai que lembrar que os PACs levan semanas en folga demandando melloras laborais e profesionais. Por agora, non hai acordo.
SERVIZOS MÍNIMOS PARA OS TRABALLADORES, PERO NON PARA O SERGAS
O impacto do paro está limitado polos servizos mínimos, do 100%. Os folguistas argumentan que casos como os denunciados, nos que médico ten que saír do seu posto de traballo habitual a cubrir a ausencia dun compañeiro ou urxencias, quedando o seu labor habitual sen cubrir; demostra que é a propia Xunta quen está violando eses servizos mínimos, ao non dotar de persoal suficiente para que todas as consultas teñan persoal.
Escribe o teu comentario