Ourense empeza a arder en febreiro
Varios incendios forestais afectan este martes a diferentes municipios da provincia de Ourense. Ata as 18,00 horas queimaban unha superficie dunhas 45 hectáreas, segundo a información facilitada pola Consellería do Medio Rural a Europa Press.
Incendio no Carballiño | @EmerxenciasOu
Polo momento, os dous lumes con máis hectáreas afectadas son os rexistrados nos municipios do Carballiño e A Mezquita, con polo menos 20 hectáreas en cada un. Tamén se rexistrou un incendio en Xunqueira de Ambía.
No Carballiño está activo un lume desde as 16,01 horas na parroquia do mesmo nome. Traballan un helicóptero, tres motobombas, catro brigadas e tres axentes.
A parroquia de Castromil, do municipio ourensán da Mezquita, rexistra un incendio forestal que afecta, segundo as primeiras estimacións, a máis de 20 hectáreas. O lume iniciouse ás 14,50 horas e mobilizáronse dous axentes, dúas brigadas, dúas motobomas e un helicóptero.
Pola súa banda, no concello de Xunqueira de Ambía arderon cinco hectáreas, tres delas arborizadas. O lume empezou preto das 13,00 horas e extinguiuse ás 17,00. Entre outros medios participaron un helicóptero, dúas motobombas e cinco brigadas.
Escribe o teu comentario