Unha ruta para recuperar o camiño francés ameazado pola mina de Touro
O próximo 10 de febreiro organízase unha camiñada para descubrir o tramo histórico do camiño francés Arzúa-Quion-Amenal.
O próximo 10 de febreiro organízase unha camiñada para descubrir o tramo histórico do camiño francés Arzúa-Quion-Amenal.
Parte do camiño francés corre o risco de quedar sepulto se se reabre a mina de Touro. Polo menos, un dos seus tramos históricos. Iso é o que reflicte o informe de ICOMOS, organismo encargado de propoñer bens de patrimonio da humanidade á UNESCO. Esta situación, que pon en serio risco una das rutas do Camiño de Santiago cando faltan menos de dous anos para o novo Ano Santo Xacobeo, é a que levou a propoñer unha marcha reivindicativa do tramo histórico do camiño francés Arzúa-Quion-Amenal.
Este é o tramo ameazado pola reapertura da mina e que ICOMOS, o ente que asesora á ONU sobre Patrimonio da Humanidade, insta á Xunta a recoñecer e recuperar como camiño de peregrinación. Para a ocasión, o próximo 10 de febreiro, percorreranse 21 km, o que separan Preguntoño (Arzúa) e O Pedrouzo, nunha ruta que discorre por distintos puntos dos concellos de Arzúa, Touro e O Pino.
Segundo os organizadores da iniciativa, este traxecto inclúe pequenas estradas moi pouco transitadas e antigos camiños de interese patrimonial. “Esta variante histórica pode ter relación coa importancia que tivo este itinerario moito antes de que se construíse a catedral de Santiago”, afirman os organizadores, quen se apoia nas investigacións de Benito Saéz Taboada para reivindicar este tramo. No seu libro ‘As comunicacións romanas na provincia da Coruña’ sitúa a vía romana XIX na contorna por onde discorrería este trazado (Oca de Abaixo, Pousada...) e tamén está reflectido no mapa do xeógrafo Domingo Fontán (S XIX)”, reza o comunicado.
“Esta continuidade histórica reflicte que este itinerarario non perdeu interese ao longo de centos de anos, e que serviu de camiño de peregrinaxe tal e como acredita ICOMOS”, sentencia a organización.
Escribe o teu comentario