Tecnoloxía galega para detectar centos de substancias prohibidas en cosméticos
Un proxecto 'QFashion' desenvolto por un consorcio de empresas de Lugo e Santiago logrou un método inédito que permite a detección simultánea dun centenar de substancias prohibidas en produtos cosméticos.
As empresas AMSlab, Biomig, Xenotechs e Masterlab Research son as promotoras da investigación, que contou co apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN), e que foi presentada este xoves nas instalacións da Fundación CEL de Lugo.
Diso informaron os promotores nun comunicado, no que destacan que na presentación participaron Manuel Lolo, CEO de AMSlab; Javier Sardiña, catedrático de Química Orgánica da USC; Lucía Castro Díaz, en representación de Masterlab Research; Eshter Varela, director médica de Biomig; Marta Lores, catedrática de Química Analítica da USC; e Soraya Lolo, responsable de Veterinaria de Xenotechs.
Estas entidades explicaron que o obxectivo desta iniciativa radicou en desenvolver técnicas de análises de última xeración que permitan novas estratexias no control de produtos de consumo, tanto no sector téxtil como no da cosmética.
Deste xeito, en relación aos resultados de impacto no sector da cosmética, o proxecto tamén permitiu desenvolver un catálogo de servizos analíticos completos para o control de calidade, que xa está a ser comercializado a través de AMSlab.
Ademais, a iniciativa desenvolta mediante o programa Conecta Peme permitiu deseñar un laboratorio móbil para a análise de substancias químicas 'in situ' de produtos téxtiles.
Escribe o teu comentario