“O serán que morreu un paciente sen atención na Estrada a Xunta aforrou 300 euros”

Nesta segunda entrega da entrevista concedida por Luís Villares (Lugo, 1978) a Galiciapress, o dirixente de En Marea critica a xestión do PP na crise da sanidade, pide responsabilidades ao goberno central para intervir Alcoa e debulla a actualidade no referido ás negociacións de Cs e PP con Vox. Ademais, manda unha mensaxe á dirección estatal de Podemos: “Fago un chamamento a Pablo Igrexas e á súa dirección para integralos no traballo de En Marea”.


|

Nesta segunda entrega da entrevista concedida por Luís Villares (Lugo, 1978) a Galiciapress, o dirixente de En Marea critica a xestión do PP na crise da sanidade, pide responsabilidades ao goberno central para intervir Alcoa e debulla a actualidade no referido a Cs e PP con Vox. Ademais, manda unha mensaxe á dirección estatal de Podemos: “Fago un chamamento a Pablo Iglesias e á súa dirección para integralos no traballo de En Marea”.


Primeira entrega da entrevista: “É unha pateadura dos que contaban con gañar e perderon", Villares responde a Podemos e EU 


O portavoz de En Marea, Luís Villares, nunha entrevista con Europa Press

Luís Villares atendeu a Galiciapress no Parlamento de Galicia


A pesar de todas as disputas internas que rodearon a En Marea nas últimas semanas e que a deixaron ao bordo dunha ruptura total, o CIS situoulles nun franco crecemento. Como se explica isto?

Explícase porque a xente ve en En Marea unhas propostas políticas alternativas e mellores ao PP. O goberno de Galicia está a esnaquizar a sanidade pública. Hai uns malos tratos evidentes á sanidade pública, aos profesionais da sanidade pública e por conseguinte á poboación. O goberno do PP é un goberno maltratador da sanidade pública, porque fai unha política baseada nos recortes e en precarizar, e iso tradúcese nun maior sufrimento da poboación, en listas de espera máis e máis longas, en colapsos nas urxencias…No verán pasado aquí pasou algo moi grave. No PAC da Estrada faleceu unha persoa porque non había médico. Por certo, isto supón un incumprimento de la Xunta por parte dos seus propios deberes legais, xa que tiña que haber un equipo médico e non o tiñan contratado. Pois esa tarde a Xunta aforrou 300 euros, que é o prezo dunha vida. Así de claro.


E mentres recortan en sanidade, regalan aos ricos unha rebaixa do imposto de patrimonio que supón que a xente que teña dez millóns de euros ou máis vai aforrar 45.000 euros ao ano. A nós non nos parece xusto, dixémolo claro e iso a xente agradéceo. O caso de Alcoa, por exemplo. Dixémolo moi claramente: a postura do PP con respecto ao mercado eléctrico é unha postura de defensa ás grandes empresas fronte aos traballadores de Alcoa. Pola súa banda, o PSOE adoptou unha postura absolutamente timorata. Alcoa non quere negociar nin achega solucións? Pois hai que intervir Alcoa e facela pública. Artigo 128.2 da Constitución española. Non é ningún caso excepcional, formaría parte do grupo de empresas públicas, porque cabe sinalar que Alcoa xa foi pública, e sería devolver a unha empresa a un sitio no que xa estivo. Pero os populares e os socialistas, que meteron máis de 50 mil millóns de euros en rescatar á banca, e nós o que defendemos agora é que con moitísimo menos diñeiro podemos salvar un emprego industrial e un sector estratéxico que é clave para toda a industria, porque se trata do aluminio do que se fan derivados que son fundamentais para a nosa industria. Nós fomos claros e a xente agradéceo, ademais de que valora os nosos comportamentos éticos, porque non facemos a vista gorda nin cando se trata de nós mesmos.


A propia Yolanda Díaz, parlamentaria de En Marea, pediu “valentía” ao goberno central para buscar unha solución ao problema de Alcoa.

Claro, porque é o que estamos a reclamar. Se non hai outras solucións, hai esta. Fagámosla. Creo tamén que a xente nos apoia porque somos claros en que a alternativa ao Partido Popular ten que ser unha alternativa plural e cooperativa. Progresista. A En Marea gustaríalle encabezar ese cambio e ser a forza maioritaria, por iso somos conscientes de que a sociedade galega é plural e a súa alternativa debe ser así. Por iso temos que entendernos, debemos entendernos e é bo que nos entendamos co PSdeG e o BNG. Dicímolo moi claro.


A Gonzalo Caballero cando lle preguntaron en clave de Santiago de Compostela se o Partido Socialista estaría disposto a apoiarse no PP para desbancar da alcaldía a Compostela Aberta non se quixo pronunciar nese tema. E nós témolo moi claro. A nosa prioridade é que non gobernen as políticas de dereitas que son as que tanto dano están a facer á poboación en tantas materias, e a nós gustaríanos que o PSdeG fose tan contundente como somos nós. Todo o mundo progresista en Galicia debe saber que, se de nós depende, vai existir unha alternativa en 2020 ao PP. Sexa cal for a posición na que nos coloquen os electores. Gonzalo Caballero xa non dicía isto. Que vai facer? Deixar que goberne o PP na capital de Galicia no canto de Martiño Noriega se non hai unha maioría absoluta? Home…Parécenos indecente. E a xente agradécenos esa claridade.


O PSOE adoptou unha postura absolutamente timorata con Alcoa


En novembro falaba de que a lista gañadora sería a que crease un proxecto político gañador para Galicia. A pesar de todo este balbordo interno, están a darse pasos para construír este proxecto?

O gran paso era ter unha nova dirección, e que esa dirección traballe en positivo xerando o discurso político e unha alternativa que ilusione. Estamos aí, traballando desde o primeiro momento. As eleccións foron fai xa máis de dúas semanas e antes de fin de ano xa tiñamos reunido ao novo consello. Esta fin de semana aprobaremos a constitución da nova coordinadora. Neste mesmo sábado tamén teremos unhas xornadas sobre o dereito a unha vivenda digna en Santiago de Compostela, onde analizaremos toda a problemática e as alternativas para solicitar un ben básico como é a vivenda. Por certo, dúas circunstancias moi complicadas: primeiro, o incremento dos prezos de aluguer de ata un 16% nas cidades galegas; e en segundo lugar un escenario onde hai un aumento dos desafiuzamentos pola falta de pagamento do aluguer debido a imposibilidades económicas, e isto son datos do Consello Xeral do Poder Xudicial. Pois este sábado temos estas xornadas, de formación interna pero abertas ao público en xeral, para abordar esta problemática. Estes son os problemas que lle interesan á xente e destes é do que teriamos que estar a falar.


“FEIJÓO PARECE O PRESIDENTE DOS RICOS”

No referido ao traballo parlamentario, En Marea terminou 2018 criticando moi duramente a Feijóo, especialmente por como está a xestionar a crise en sanidade. Mentres se celebra a manifestación convocada polo Servizo de Urxencias do CHUS, o SERGAS séguese escudando en que eles nada teñen que ver coa falta de profesionais. Cal é a causa última desta falta de profesionais e que solucións propón En Marea?

Non hai profesionais polo mal trato que o SERGAS e o PP dálle ao persoal sanitario de Galicia. Estamos a formar profesionais aos que non lles ofrecemos un contrato digno e logo márchanse ao estranxeiro. Formouse nas facultades de medicina e enfermería persoal sanitario, pero ofrecémoslles contratos dun día aquí, outro día alá…Mentres que fóra ofrécenlles contratos de 2-5 anos. Nós non podemos maltratar aos nosos profesionais, porque cando os maltratamos e degradamos as súas condicións precarizándoas maltratámonos a nós mesmos, porque ofrecemos un servizo peor.


Hai unha presión asistencial na atención primaria para que atendan unha cota moi superior ao que poden ver. Os pacientes non temos dereito nin a cinco minutos por consulta, e iso non pode ser. Hoxe en día as cotas máximas son de 1.200 pacientes por médico e estamos a superar os 1.500. Iso redunda en ter unha peor saúde porque os profesionais carecen de tempo para tratarnos, e ao final as doenzas fanse agudas, e hai que ir aos hospitais que están saturados e tamén carecen de persoal suficiente, aumentando así as listas de espera…Hai toda unha dinámica terrible na que os sindicatos sinalan que faltan 6.000 profesionais sanitarios, e a Xunta só convocou 1.400 prazas. Queremos a todos eses profesionais traballando, acabar coa precariedade laboral e condicións dignas. Pero recórtase, lembremos os 300 euros de aforro no PAC da Estrada, pero báixanse os impostos aos ricos. Aquí hai impostos de pobres e de ricos: a xente normal paga o IRPF e ás grandes fortunas dáselles un agasallo fiscal de 10.000 de euros ao ano. Cantos médicos poderíanse contratar con ese agasallo fiscal? Por que Feijóo goberna para eles e non para a xente que vai ao SERGAS? Non digo que Feijóo sexa o presidente dos ricos…pero ás veces paréceo.


Un aforro que logo parece que se reinviste en publicidade para o SERGAS

É evidente que o SERGAS gasta en publicidade tentando contrarrestar unha realidade, pero é unha realidade que coñece todo o mundo porque todos fomos algunha vez ao médico, ou coñecemos a alguén que se tivo que operar. Todos sabemos que temos aos mellores profesionais, con moi poucos recursos, deixándose a pel nunhas condicións súper precarias. E temos un goberno que non trata ben nin aos profesionais nin aos pacientes. Iso téntase tapar con cosmética publicitaria pero non pode, porque a xente non é manipulable e no caso da sanidade vese moi claramente, por máis que tenten tapar a boca aos xornalistas da CRTVG para que non poden contar a verdade. Que isto é outra vergoña manifesta en termos democráticos, que non teñamos unha radio e unha televisión pública que poidan contar a verdade. Isto veo a xente directamente, e por iso o outro día en Vigo había 40.000 persoas na manifestación en defensa da atención primaria.


O portavoz de En Marea, Luís Villares, nunha entrevisa con Europa Press


E en canto ás reformas de la Xunta para tentar solucionar a crise, como ofrecer contratos de 1 e 3 anos aos profesionais médicos, como as valora En Marea?

É necesaria unha reforma estrutural. Para empezar da atención primaria, á que se está destinando o 12,5% dos orzamentos e esa porcentaxe debería ser o dobre. Hai que derrogar inmediatamente a reforma sanitaria do ano pasado, hai que recuperar as áreas sanitarias, é necesaria unha atención próxima, é necesario recuperar a capacidade de autoxestión da atención primaria para poñer o foco dos problemas sobre todo o territorio, é necesario ter máis recursos e iso significa a reorganización dos recursos existentes e a obtención de máis recursos para a sanidade pública. Non valen parches, nin unha comisión como pretenden facer para solucionar os problemas da atención primaria en Vigo. Con iso só pretende disimular o traballo mal feito e Feijóo agora estao recoñecendo. Claro que hai problemas, pero é que o levamos dicindo anos. En 2013 xa morreron media ducia de persoas porque non se lle deu un medicamento contra a Hepatite C, cando eses fármacos estaban na farmacia. E non se lles deu para aforrar, e díxose: “No canto deste ano dámosllos o ano próximo para que non compute no déficit”, e no camiño quedaron seis persoas. Isto non é xusto nun estado social e que non quere deixar a ninguén atrás. Non nos merecemos un goberno así.


“NON RECOÑEZO COMO INTERLOCUTOR A ALGUÉN QUE NON RECOÑECE A VIOLENCIA DE XÉNERO”

Unha das noticias da semana en Galicia é a negativa de Feijóo a ceder ante Vox en aspectos como a violencia de xénero para gobernar en Andalucia. Cre que isto mesmo podería darse en Galicia? Ve en Vox unha ameaza para as próximas eleccións? 

Vox, o que é, é unha ameaza á democracia. E iso xa llo advertiu ao PP os gobernos europeos. O presidente Macron advertiu a PP e Cs que sentar a negociar é unha absoluta irresponsabilidade e o inicio do fin da democracia. Porque na medida na que llos lexitima como actores válidos estáselles recoñecendo no panorama político. E eu non recoñezo como interlocutor a alguén que non recoñece a violencia de xénero. Se algunha vez sento con alguén que me di que non recoñece a violencia de xénero levántome, saio dando unha portada e non volvo abrir esa porta xamais na vida. Xamais. Con alguén que trata aos inmigrantes coma se fosen facenda, cando somos un país de emigrantes e de emigrados, e todos temos familiares que tiveron que irse nalgún momento e que aínda temos máis de 200.000 mozos emigrados, algúns deles no Reino Unido e co problema do Brexit que afecta a moitos porque os queren botar de malas maneiras…


Sentar a negociar con esas ideas non é ético nin aceptable en termos democráticos, e o PP quere chegar ao poder a calquera prezo. E o prezo dos dereitos fundamentais non pode estar encima da mesa. Agora sorpréndense de que un partido de extrema dereita teña un programa de extrema dereita. Pois claro! Que programa ían ter?


Curioso que isto pase no marco dunhas eleccións autonómicas cando Vox defende a supresión das autonomías, cando defende o que vostede apunta de centralizalo todo e restar competencias. 

Andalucía foi a porta de entrada dun discurso que agora pretenden levar a todo o panorama nacional. Temos que aprender do que ocorreu noutros países da UE, e é o que reclama Europa aos que sentan a negociar con este partido. “Non pacten con esta xente. Non os recoñezan como interlocutores”. E digo partido porque hai xente que os votou, xente descontenta e temos que reflexionar todos sobre o motivo polo que esta xente descontenta e con problemas reais buscou solucións na extrema dereita. Temos que facer un exercicio de autocrítica para seducir a toda esta xente que ou ben se abstén ou ben elije estas posturas. Entón, se o que pretenden PP e Cs é recuperar votos de Vox a solución non é esa, non é pactar, senón exporse que están a facer mal.

Se algunha vez sento con alguén que me di que non recoñece a violencia de xénero levántome, saio dando unha portada e non volvo abrir esa porta xamais na vida.


Fala do voto do descontento. O perfil do votante de Vox pode provir do espazo que ocupa En Marea?

Os votantes votan e exercen un compromiso temporal e condicional. Os votos non teñen dono. A xente pode estar descontenta por moitos motivos, e o que hai que ver é o motivo do descontento e que solucións podemos achegar. Temos claro que se nós non podemos achegar solucións a xente buscaría outras alternativas políticas. A En Marea correspóndelle falar dos problemas que as persoas perciben como reais, e no momento no que os problemas existen para unha persoa hai que buscarlle unha solución e que esa solución non sexa antidemocrática nin antisocial. Claro que hai problemas de paro, por exemplo, pero hai solucións democráticas e sociais e as que propós Vox, que son antidemocráticas e antisociais, relacionada con valores que nós rexeitamos. Nós alentamos solucións que nacen da solidariedade, a solidariedade daqueles que ten máis con aqueles que teñen menos oportunidades. Falamos dunha solución que cohesione, non baseada no medo e no enfrontamento de persoas que comparten os mesmos problemas.


As persoas inmigradas en Galicia veñen aquí a buscar oportunidades que non puido ter ou fuxindo de guerras que nós mesmos creamos para beneficiarnos das súas materias primas. É o que pasou no norte de África e en Siria, con guerras que logo nos rebotan en forma de refuxiados que tampouco queremos. Ou vemos iso en perspectiva global ou non poderemos solucionar os problemas. E as solucións baseadas no medo e o rexeitamento son solucións falsas, porque é evidente que non solucionará nin os nosos problemas nin das persoas afectadas.


Tras gañar as primarias cumpriu a súa palabra e tendeu a man a Bruzos e o seu equipo, aínda que tras o desplante durante o Consello das Mareas, fixo un chamamento á “responsabilidade e o respecto”. Mantén a porta aberta?

Manteño a porta e estendo o meu chamamento ás cúpulas dos partidos, e particularmente á dirección estatal de Podemos e a Pablo Iglesias e á súa dirección para integralos no traballo de En Marea. Porque neste traballo cabe e debe caber Podemos, e no noso proxecto Podemos ten un lugar importante, por iso levamos xente de Podemos e recollemos principios políticos de Podemos na nosa proposta programática. Por iso o noso chamamento é tan decidido, non a Bruzos, nin sequera a Gómez-Reino, senón á dirección estatal, a Iglesias e a Echenique a que entendan que o espazo político galego é un espazo político diferente ao que poden estar a manexar eles desde outras latitudes. E é un espazo diferente porque a nosa realidade social e política é diferente. E afirmamos un proxecto político soberano, pensado en clave galega e que teña unha referencia estratéxica a nivel estatal onde Podemos ocuparía un papel fundamental. Nós non queremos nin buscamos ningún tipo de enfrontamento, e do noso lado non saíu nin unha mala palabra aos compañeiros de Podemos, porque consideramos que todos somos necesarios neste proxecto.


Insisto: man tendida a Podemos, ás candidaturas municipais para que vexan en nós o espazo galego do cambio de forma inminente e queremos que 2020 sexa o ano no que por fin despracemos ao PP dunhas institucións onde están a facer un uso que nos parece que hai pouco feliz á xente e por tanto nesa alternativa fai falta todos. Repetino moitas veces ao longo desta entrevista, pero a alternativa ao PP ten que ser plural, e se estamos a falar de entendernos con PSOE e BNG non ten ningún sentido que Podemos alente unha escisión cando nos teremos que acabar entendendo máis adiante. O mellor é ir xa todos xuntos, cun programa político conxunto porque non existen diferenzas políticas entre nós á hora da verdade, e que as nosas diferenzas internas resólvanse da única maneira posible en democracia, que é deliberando, votando e aceptando o resultado. E os que hoxe son minoría mañá serán maioría. Gáñase e pérdese. Ese é o xogo democrático. O importante é compartir valores mínimos e os inscritos marcaron xa o medio e o fin o tédevos en común.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE