Tres semanas de folga no hospital de Santiago reclamando máis persoal

Lembran que demandan un incremento do persoal, "non diñeiro", e seguen esperando unha nova convocatoria para reunirse coa Xerencia

|


Lembran que demandan un incremento do persoal, "non diñeiro", e seguen esperando unha nova convocatoria para reunirse coa Xerencia


Traballadores de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) iniciaron a terceira semana de folga, que se materializa desde as 8,00 horas dos luns ata a mesma dos xoves e que prevén manter ata alcanzar "un acordo" coa Xerencia que encabeza Eloína Núñez.


Traballadores de urxencias protestan dentro do Clínico


"A nosa idea é seguir en folga ata chegar a un acordo. Levabamos moito tempo en conflito e ao ver que non hai unha solución derivou en folga", explicou o presidente da Comisión de Centro, Camilo Agulleiro, en declaracións aos medios, antes de iniciar unha concentración diante do servizo de urxencias do hospital.

Agulleiro explicou que, aínda que na reunión da semana pasada houbo "unha aproximación" coa Xerencia, a súa oferta de persoal resulta "insuficiente" para responder as demandas dos colectivos sanitarios en folga --hai dous convocantes: a Comisión de Centro e o sindicato de facultativos O'Mega--.

En concreto, as reivindicacións da comisión de centro, que repasou o representante sindical, consisten en cinco médicos máis, enfermeiros a maiores (catro en quenda de mañá, catro de tarde e cinco de noite), auxiliares de enfermería (dúas en quenda de mañá, un de tarde e catro de noite), e celadores (un por cada quenda).

"Aquí non se está reclamando diñeiro, está a reclamarse máis persoal para prestar un mellor servizo e que urxencias non se colapse cada dúas por tres", remarcou, antes de engadir que tamén é precisa a elaboración dun plan funcional.

"O que nos interesa é chegar a un acordo para que non haxa saturación", apostilou.

"O PREMIO Á XERENCIA É POLA INCOMPETENCIA"
Tras o encontro da semana pasada, os traballadores de urxencias non teñen polo momento constancia de novas convocatorias para reunirse coa Xerencia do hospital. Nesta conxuntura, á marxe de continuar a folga, prevén concentrarse ante o Servizo Galego de Saúde (Sergas) o vindeiro mércores 5 de decembro.

Este luns, ademais de concentrarse ante o servizo de urxencias, os traballadores percorreron a contorna do Clínico entoando varios cánticos cos que reclaman máis persoal. Finalizaron a súa protesta dentro das instalacións do hospital

Un deses cánticos aludía, por exemplo, a un premio recibido recentemente pola xerente do Clínico. "O premio á xerencia é pola incompetencia!", proclamaron.

Tamén adaptaron a canción popular galega de 'A Rianxeira' con versos nos que lembraban que: "xerentes veñen, xerentes veñen, xerentes veñen e van, non te vaias Eloína, sen darnos máis persoal!".

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE