Eixo Atlántico reclama que Galicia teña voz propia na relación co norte de Portugal

O organismo presenta ao Grupo Parlamentario do PSdeG un informe coas súas propostas

|

O Eixo Atlántico considera necesario que Galicia exerza unha "verdadeira política exterior" de consenso que permita aproveitar as oportunidades dos sectores estratéxicos galegos e denuncia a "inexistencia" da Eurorrexión Galicia - Norte de Porgutal "en termos administrativos".


Reunión do PSdeG e o Eixo Atlántico no Parlmento

Estas dúas conclusións despréndense do 'Informe sobre a política de acción exterior para Galicia' elaborado por o exdiputado do PSdeG José Luis Mendez Romeu, quen tamén exerceu o cargo de secretario de Estado de Cooperación Territorial no Goberno español entre os anos 2004 e 2005.

Precisamente, este xoves Méndez Romeu trasladou este documento ao portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, nunha reunión na que tamén participou o presidente do Eixo Atlántico, o tamén titular da Fegamp, Alfredo García; así como o secretario xeral do organismo, Xoán Vázquez.

No encontro, o Eixo Atlántico explicou que este informe, que tamén presentarán ao resto de grupos da Cámara e ao presidente do Lexislativo, Miguel Santalices, aborda distintas cuestións sobre a política de acción exterior de Galicia e a necesidade de abrir un debate para o seu reforzo.

"Cada vez vivimos nun mundo máis global e Galicia ten que facer política exterior, non pode deixar todo en mans do Estado", manifestou Alfredo García, que puxo como exemplo que este estudo deixa ver como o concepto da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal "non funciona na práctica".

Por iso, conforme sinalou Méndez Romeu, o estudo busca propoñer unha serie de propostas que permitan que a Comunidade galega "poida empezar a falar seriamente de acción exterior". "Teñen que producirse acordos, unhas sinerxias que vaian máis aló da confrontación partidista en función do ciclo electoral", considerou sobre esta cuestión.

EXPERTOS E OBXECTIVOS
Deste xeito, o texto, no que participan os expertos Xulio Ríos, Andoni Aldekoa, Daniel Prieto e José Palma, explica, entre outras cuestións, o contexto e presenza exterior das empresas e reflexiona sobre os pasos para dar para conseguir unha Eurorrexión que cumpra os retos marcados pola Unión Europea.

Así mesmo, segundo apuntou Romeu, marca catro obxectivos que pasan pola internacionalización en "todos os ámbitos", a proxección de Galicia como unha "comunidade singular con atractivo suficiente para o investimento, o turismo ou para vivir"; facer do "coñecemento e a creación elementos característicos"; así como "xerar sinerxias"

Para logralos, o texto presentado este xoves deseña "cales deben ser os principios xerárquicos destas políticas", "cales son os lugares predominantes da acción exterior" e, por último, "dos medios necesarios". Todo iso, con base nun "consenso" político, institucional e social que derive, segundo indicou Romeu, nun "verdadeiro lobby de acción exterior". Ademais, sinalou a necesidade de constituír unha "verdadeira Eurorrexión", que estea "apoiada por unha asemblea de elector".

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, agradeceu o traballo realizado polo Eixo Atlántico e lamentou a "deficiente posta en marcha" da axenda exterior por parte do Goberno galego que, conforme sinalou, "ano tras ano queda en nada" e "deixa pasar oportunidades fundamentais para os intereses de Galicia".

O dirixente socialista tamén mostrou a súa preocupación pola internacionalización do tecido económico galego, así como polo aproveitamento das "singularidades" de Galicia, tanto desde o punto de vista do Camiño de Santiago como as súas conexións coa lusofonía.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE