Folga indefinida nas Urxencias do Clínico de Santiago
O paro no CHUS terá lugar a partir do 12 de novembro e os profesionais sanitarios piden cubrir todas as ausencias de traballadores, axilizar a xestión e substituír material "obsoleto" ou danado, entre outras cuestións.
O paro terá lugar a partir do 12 de novembro e os profesionais sanitarios piden cubrir todas as ausencias de traballadores, axilizar a xestión e substituír material "obsoleto" ou danado, entre outras cuestións.
Fachada do CHUS
O persoal do Servizo de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago (CHUS) convocou a partir do próximo 12 de novembro unha folga indefinida para reclamar máis persoal e medios.
Os paros levarán a cabo todas as semanas, desde o luns ás 8,00 horas ata o xoves á mesma hora, unha decisión que se toma tras "tentar un diálogo" cos responsables da administración sanitaria que non chegou a ningún acordo concreto.
A Comisión de Centro do CHUS explicou este mércores que "levan tempo reivindicando" unha "serie de necesidades" imprescindibles para "ofertar á cidadanía unha atención digna e de calidade, acorde coa cidade" de Santiago, que "nestes momentos está moi lonxe de conseguir eses parámetros de seguridade, tanto para os profesionais como para os usuarios".
Mirando a complexos hospitalarios "de volume equitativo" ao desta área sanitaria, explica a Comisión de Centro, obsérvase unha "infradotación" tanto de espazos, como de persoal e medios, algo contra o que reclaman que se interveña.
RECLAMACIÓNS
Entre outras cuestións, piden a elaboración dun plan funcional negociado coa Comisión de Centro e acordado co equipo multidisciplinar, que estea "adaptado ao a realidade asistencial" e contemple a utilización do 100% do espazo na área de urxencias, con "dotación de persoal de maneira estable".
Do mesmo xeito, reclaman unha "dotación suficiente de persoal en todos os colectivos" que traballan en Urxencias, que permita abarcar o volume de pacientes, que, por exemplo, o pasado luns, día 29, foi de 448 persoas.
A maiores, piden a reposición de material "deteriorado e obsoleto", a dotación do material necesario para cada posto e a reparación de elementos danados; a elaboración de protocolos para a asistencia de pacientes pendentes de ingreso mentres permanezan en Urxencias e a priorización das interconsultas que se xeran en urxencias, co obxectivo de "evitar atrasos". Para concluír, inciden na necesidade de cubrir o 100% das ausencias de traballadores.
Escribe o teu comentario