Parte do Camiño de Santiago orixinal queda sepultado polo cemento
A plataforma ‘Foro do Camiño Primitivo’ denuncia que as obras amparadas pola Axencia Galega de Turismo cimentaron parte do Camiño de Santiago orixinal que cruza o municipio de Fonsagrada.
A plataforma ‘Foro do Camiño Primitivo’ denuncia que as obras amparadas pola Axencia Galega de Turismo cimentaron parte do Camiño de Santiago orixinal que cruza o municipio de Fonsagrada.
Imaxe de como as obras afectaron ao Camiño de Santiago orixinal
O ‘Foro do Camiño Primitivo’, conformado por unha trintena de organizacións defensoras dos camiños que compoñen o Camiño de Santiago, acaba de denunciar por medio do novo equipo directivo de ICOMOS-España a “destrución completa da identidade tradicional e de valor patrimonial da Vía Primitiva no municipio de Fonsagrada”, tal e como informa ADEGA. Esta alteración irreparable da Vía Primitiva realizouse nunhas obras realizadas pola Axencia Galega de Turismo, nun intento de acondicionar a zona. Unha alteración que, doutra banda, foi habitual nos últimos anos tal e como informa a plataforma.
Os propios veciños de Fonsagrada denunciaron a agresividade destas obras que afectaron as propiedades dalgúns deles. Ao longo da vía histórica utilizouse maquinaria pesada e urbanizouse con cemento parte da antiga calzada, así como cimentáronse sumidoiros e empregáronse gravas miúdas e outros materiais. “Todo isto supón a construción dun novo Camiño de Santiago no século XXI, urbanizado seguindo as pautadas de calquera outra vía moderna”, lamentan no comunicado.
Para a asociación “Foro do Camiño Primitivo” esta modificación supón “a perdida irremisible da memoria inmaterial asociada á vía milenaria tradicional, recoñecida pola UNESCO como patrimonio mundial” ademais de significar “a uniformación e desnaturalización das rutas históricas de peregrinación a Compostela”. Por este motivo, a plataforma decidiu recorrer a ICOMOS-España como organismo encargado de promover a aplicación dos criterios de conservación e protección dos bens declarados como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO para informar da creación desta nova ruta artificial de cemento por encima da ruta orixinal.
Á súa vez, a plataforma tamén fai un chamamento aos gobernos municipais “para que non se inhiban das súas funcións” e ínstaos a que pidan á Xunta “que invista en actuacións de conservación que contrarresten as actuacións que afectan os camiños históricos”.
Escribe o teu comentario