“Gastar máis en luces de Nadal que en fomentar o emprego é unha barbaridade”

Galiciapress comienza con Xabier Pérez Iglesias (BNG, Vigo) la ronda de entrevistas a candidatos a las elecciones municipales. El joven asume el desafío de retornar a los nacionalistas al Ayuntamiento. Para lograrlo, apuesta por marcar espacio, con duras críticas al alcalde pero también a la supuesta pasividad de la oposición. O Marisquiño, el Hospital Álvaro Cunqueiro y el intento de pelotazo en Balaídos son algunos de los temas de esta conversación.


|

Galiciapress comeza con Xabier Pérez Igrexas (BNG, Vigo) a xeira de entrevistas a candidatos ás eleccións municipais. O mozo asume o desafío de retornar aos nacionalistas ao Concello. Para logralo, aposta por marcar espazo, con duras críticas ao alcalde pero tamén á suposta pasividade da oposición. O Marisquiño, o Hospital Álvaro Cunqueiro e intento de pelotazo en Balaídos son algúns dos temas desta conversa.


Xabier perez igrexas bng vigo



Abel Caballero dixo que ía preguntar se as luces de Nadal de Vigo se ven dende espacio. Que lle parece a política de apostar por isto como reclamo?


O espectáculo roza o lamentable. O ridículo que se ten feito polo alcalde nesta cuestión entendo que xa é o do menos. Como humor, pois pode ter mellor ou peor gusto, pero o problema non é ese. O verdadeiramente grave é que haxa quen goberna decidindo destinar un 25 por cento máis niso que en políticas de emprego. Un millón e medios de euros é unha barbaridade descomunal, sen comparación con calquera outra cidade xa non galega, senón do Estado, en proporción; mentres o Plan Municipal de Emprego ten unha partida de 1,2 millóns. Un Plan que existe grazas a ser unha proposta do BNG e cuxo orzamento ampliouse grazas as nosas emendas. É incríbel que nunha cidade que ten no paro máis de 23.000 persoas, con 65.000 persoas en risco de exclusión, se destine un 25% máis á farándula que a atender a principal preocupación dos veciños, que é ter un emprego digno.


A que cre que se debe isto?


A unha absoluta falta de proxecto, ao desnorte. Detrás da polémica das luces está o intento de facer opaco que non hai política municipal, que non se está a facer practicamente nada por parte dun goberno que ten unha maioría absoluta, que tan absoluta é que non fai absolutamente nada.


Outro tema que marca a política municipal é o proxecto da Cidade Deportiva do Celta en Mos e a posible intención de que o Celta acabe xogando en Mos, e non en Balaídos. Cal é a postura do Bloque sobre o futuro do estadio?


Demandamos transparencia. A remodelación de Balaídos si é necesaria. Hai anos que hai auditorías arquitectónicas e informes de seguranza que alertan ao Goberno Municipal dos riscos. O problema é que unha actuación desa envergadura merece a máxima transparencia, explicar cal son as prestacións e o custo, e quen asume cada parte e a cambio de que. Nada diso houbo. Houbo infografías, algunhas, e anuncios nalgúns medios de comunicación local. Vemos ademais como o proxecto muda sobre a marcha. Agora fálase que debaixo das pistas de atletismo -nun estado lamentable, temos atletas olímpicos que teñen que ir adestrarse a outros concellos- vaise instalar o prometido aparcadoiro. As actuacións nas gradas parecen que foron menos do anunciado pero os custes parece que se disparan.


En segundo lugar, entendemos que Balaídos necesita unha actuación. Non se trata de facer un mausoleo, unha gran obra arquitectónica. Trátase de ter un estado funcional, moderno e absolutamente seguro.


E que lle parece a idea inicial do presidente do Celta para que o Concello lle cedese a titularidade de Balaídos? Era un pelotazo?


Estaría ben que Mouriño explicase o motivo polo cal quere ser titular dunha instalación municipal, da que ten practicamente ten o uso exclusivo nunhas condicións obxectivamente moi vantaxosas para o club. O primeiro convenio no quexa se comeza a regular que o Celta comece a pagar parte dos custes que supón mantelo foi durante a alcaldía do Bloque. Efectivamente, hai esa sospeita, somos conscientes de existe esa percepción, de que o que se quere é ter un activo mobiliario para que pase a ser parte do activo financeiro do club. A posición do BNG é firme: o estadio é municipal, de uso público, é razoábel que o club -que é de Primeira, que é un emblema e que sentimos como propio a inmensa maioría da cidade- use as instalacións e asuma parte dos gastos. Nunca nos imos prestar para ningunha operación que abra a porta a un pelotazo.


Falando de informes urbanísticos, abordemos o accidente do Marisquiño. Primeiro, tras deixar centos de feridos, debe o festival seguir organizándose en Vigo?


O Marisquiño é un evento de referencia mundial, que coloca a Vigo no mapa do deporte e da cultura urbana. No posíbel, hai que asegurar a súa presenza na cidade. Sería unha mala noticia que un festival desas características non se desenvolvan na nosa cidade.


E visto o publicado, quen cree que o responsábel do sucedido? O concello de Abel Caballero ou o Porto de Vigo de López Veiga?


Resultaría frívolo que nós dixéramos quen é o responsábel. Una investigación xudicial agardamos que determine responsábeis. É necesario que se clarifique e que se dean todas as explicacións por parte desas dúas administracións, pero tamén por parte da Xunta para explicar porque o chan se veu abaixo, provocando 477 feridos e felizmente ningún morto, pero puido telo habido. Ten que haber explicacións no Xulgado pero tamén na política. Como foi posíbel que este accidente gravísimo se producise? Que se investigue, caia quen caia. Tamén para evitar que volva pasar, nese espazo ou noutros.


O que xa está claro é que houbo falta de cooperación entre as administracións. Falta de cooperación que parece ten provocado a falta de elemento que parece ser o elemento principal que explica ese accidente. Dito isto, o PSOE vetou onte no pleno a comparecencia do Alcalde. Dende o BNG dicimos que se un alcalde négase a comparecer para explicar un accidente como o do Marisquiño, non pode continuar sendo alcalde nin un só minuto. A súa negativa a comparecer ten que ir acompañada pola súa dimisión inmediata e irrevogable.


Hoxe arranca a comisión de investigación do Marisquiño no Parlamento de Galicia, pero tamén a dos recortes na Sanidade Pública. En Vigo xa hai varios anos que funciona o Hospital Álvaro Cunqueiro, polémico por lanzalo a Xunta mediante o modelo de colaboración pública-privada e que suscitou enormes marchas de protesta na urbe. Pasado xa un tempo, que balance fai do HAC? Mellorou a calidade sanitaria en Vigo?


Houbo un clamor social porque a Vigo se lle castigou durante estes anos cun hospital privatizado pero tamén insuficiente. Isto está tendo efectos importantes, vemos como os servizos non sanitarios están nunha situación moi mellorable, tamén pola precariedade laboral que sofre o persoal. Seguimos con precariedades importantes que se ben claramente co tema das camas. A Consellería sempre di o mesmo, que ten a capacidade de desdobrar, a cuestión é que non a desdobra porque non ten persoal para facelo. Se o HAC funciona, prestando unha atención digna, é grazas ao enorme esforzo do persoal que padece os recortes do PP. Confirmouse que o modelo privatizado non era só un negocio para as empresas senón un modelo no que se recortaba prestacións, que tamén se ven na Atención Primaria coa ausencia de servizos de pediatría. O PP é o inimigo da sanidade pública.


Abordando xa o panorama político, dende fóra da a sensación que a axenda localista de Abel Caballero funciona electoralemente moi ben entre os vigueses. Que alternativa ofrece o Bloque fronte a isto?


Hai quen se apropia da bandeira de Vigo, que non poden ser catro letras que se invocan de xeito reiterado para ocultalo todo e xustificar esconder a total falta de acción de goberno, En Vigo non hai política municipal, en Vigo o que hai é espectáculo. Non hai Goberno, hai un concelleiro plenipotenciario cuxa única área é dar titulares e facerse fotos. O BNG non admite leccións á hora de defender Vigo, que non é outra cousa que defender aos veciños e veciñas. Defender Vigo non é ter Vigo na boca, é facer, por exemplo, que poidan usar o bus urbano como noutra cidade, e non teñan que agardar 45 minutos ou que se poidan desprazar en autobús urbano tamén en domingo.


O BNG non está agora mesmo no Pleno do Concello, cando na cidade houbo no seu día un alcalde nacionalista. Supoño que vostede aspira ao máximo, a gobernar por maioría se o consegue, pero que expectativas reais ten o Bloque para as municipais desta primavera partindo de que está fóra do Consistorio?


As nosas expectativas son moi positivas. Non só en Vigo, constatamos que hai unha nova onda de simpatía, de xente que volve a ollar ao BNG. Foi un resultado moi duro o das últimas eleccións. Quedamos fóra, pola mínima. Tomamos boa nota e cremos que entendemos a mensaxe. Ese resultado durísimo converteuse nunha oportunidade. En tres anos co BNG fóra do Salón do Plenos calquera veciño pode ver a evidencia da diferencia entre que estea ou non o Bloque. O BNG foi unha forza determinante en Vigo, dende o Goberno ou dende a oposición. A cidade avanzaba, había propostas e alternativas e hoxe hai unha falta de política municipal por un Goberno que é hoxe absolutamente ineficaz pero tamén hai dicilo, sen ánimo de polemizar, tamén hai unha falta de alternativa que llo puxo moi doado dende a oposición. O noso obxectivo é traducir esa simpatía nun apoio que nn nos garanta, eu persoalmente estou convencido de que volveremos ao Salón de Plenos, que o Bloque sexa determinante. Será bo para o BNG e para a cidade.


E para logralo, que lle diría a un vigués de esquerda que no seu día votou ao Bloque pero que agora votou as mareas ou a Podemos ou a Caballero nas locais. Como o convencería que votase de novo BNG?


Non nos diriximos a uns votantes ou a outros, o noso é un proxecto é de vocación de maiorías, con independencia do que votaran antes. Queremos sumar a todos para darlle un novo impulso á cidade sobre dúas ideas. Primeiro, facer de Vigo unha cidade para o pobo, que o Concello use os seus importantes recursos públicos para resolver os problemas reais: transporte, cultura, deporte, emprego. En segundo lugar, fronte aos que queren facer de Vigo unha especie de cidade-estado do tamaño do seu ego, para seguir desgobernándoa como se fose a súa leira, nós queremos facer dela motor de todo o país, para que volva a ser a capital da industria e da innovación de Galiza, e do cambio político.


Última pregunta, de tipo persoal. Certo é que nas últimas eleccións o Bloque repunta tras a desfeita de hai anos, pero tamén é certo que en Vigo parte de non ter representantes no Pleno. Nunha situación así, que levou a Xabier Pérez Igrexas a dar o paso adiante e postularse para ser cabeza de cartel?


No BNG somos un proxecto político de transformación dende a esquerda e o nacionalismo en beneficio da maioría, polo que temos unha visión da política institucional moi distinta que a doutros. Non a concibimos en clave de carreira ou individuos. Dito isto, a miña motivación hoxe é a mesma que a que tiña cando con 13 anos entrei no movemento veciñal, que é que hai unha realidade que non me gusta, que é inxusta. Daquela, con 13 anos, entendín que, se ben é unha tarefa colectiva transformar a realidade, tamén require do compromiso individual das persoas. O meu compromiso é poñer o mellor de min propio acompañado dos meus compañeiros de organización, que hoxe está absolutamente cohesionada, ao servizo desa transformación para devolver a cidade ao pobo e facer de Vigo un motor de cambio. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE