Tres novos conselleiros no Goberno da Xunta

Carmen Pomar (Educación), o deputado José González Vázquez (Medio Rural) e Fabiola García (Política Social) son as novas caras do Executivo de Feijóo. 


|

Carmen Pomar (Educación), o deputado José González Vázquez (Medio Rural) e Fabiola García (Política Social) son as novas caras do Executivo de Feijóo.



Fabiola garcia

Fabiola García


Abandonan o goberno, como estaba previsto, Beatriz Mato, candidata oficiosa a alcaldesa na Coruña e Rey Varela, candidato oficioso en Ferrol. Ademais, o presidente divide unha consellería en dúas. Agora haberá un departamento de Educación e outro diferente de Cultura, que suma Turismo. 


En lugar de Rey Varela, toma as rendas de Política Social a ata agora directora xeral Fabiola García. Mentres, asume Medio Ambiente Ángeles Vázquez Mejuto, ata agora conselleira de Medio Rural, cuxa carteira colle o deputado autonómico José González.


Entra, así mesmo, no Executivo, a profesora da USC Carmen Pomar, quen toma as rendas de Educación. Pola súa banda, o ata agora conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asume a área de Cultura e Turismo, creada para realzar o protagonismo do Xacobeo 2021.


TURISMO PASA A CULTURA

Os novos conselleiros tomarán posesión mañá. Feijóo presumiu que a crise de Gobiero cumpre unha promesa, reformar o Executivo antes de que haxa candidatos oficiais do PP ás cidades.


O presidente tamén dixo que, ademais, poténciase a área de Cultura, clave para organizar o Xacobeo de 2021, dado que Turismo quedará baixo o paraugas de Cultura e non da Presidencia, como ata agora. Así queda a estrutura do Executivo: 



Presidencia Alberto Núñez Feijóo
Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza Alfonso Rueda Valenzuela
Consellería de Facenda Valeriano Martínez García
Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda Ángeles Vázquez Mejuto
Consellería de Infraestruturas e Mobilidade Ethel Vázquez Mourelle
Consellería de Economía, Emprego e Industria Francisco Conde López
Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional Carmen Pomar Tojo
Consellería de Cultura e Turismo Román Rodríguez González
Consellería de Sanidade Jesús Vázquez Almuíña
Consellería de Política Social Fabiola García Martínez
Consellería do Medio Rural José González Vázquez
Consellería do Mar Rosa Quintana Carballo


BIOGRAFÍA DOS NOVOS CONSELLEIROS DIFUNDIDA POLA XUNTA


ÁNGELES VÁZQUEZ MEJUTO

Ángeles Vázquez Mejuto naceu en Melide en 1972. Acadou a Licenciatura en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, coa especialidade en Xeografía Aplicada. Así mesmo, é técnica en Información e cultura.

Foi alcaldesa de Melide desde o ano 2011 ata 2016, cargo que tamén ocupou entre os anos 2004 e 2007. No ámbito municipal, previamente ás súas responsabilidades como rexedora, foi concelleira de Cultura, Deportes e Medios de comunicación. Tamén foi deputada provincial na Coruña entre 2007 e 2009 e, posteriormente, deputada no Congreso dos Deputados por esa mesma provincia. Na súa traxectoria profesional tamén ten experiencia xornalística, como directora da radio municipal melidense e como correspondente en medios de comunicación.


ETHEL VÁZQUEZ MOURELLE

Ethel María Vázquez Mourelle naceu en Santiago de Compostela en 1972. É enxeñeira técnica superior de Camiños, Canais e Portos pola Universidade da Coruña. Tras rematar os estudos superiores, en 1996 comezou a súa traxectoria profesional na empresa privada, ata que, en 2003, se incorpora ao organismo autónomo Augas de Galicia.

Ethel Vázquez asume a presidencia de Augas de Galicia e da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH) da Xunta de Galicia en abril de 2009, cargo que exerceu ata ser nomeada directora xeral de Infraestruturas en setembro de 2010. En abril de 2011 asume a presidencia da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia. En xaneiro de 2012 foi nomeada directora da Axencia Galega de Infraestruturas. Desde 2014 a 2015 foi conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Desde outubro de 2015 era conselleira de Infraestruturas e Vivenda.


ROMAN RODRÍGUEZ GONZÁLEZ

Román Rodríguez González naceu no Vento, Lalín, en 1968. É licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela con premio extraordinario. Doutor en Xeografía, é máster en Desenvolvemento Local, foi profesor na Universidade de León e é profesor titular do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela.

Autor dunha ducia de libros e coautor doutras case vinte publicacións da súa especialidade, amais de ter participado en corenta libros colectivos, Román Rodríguez dirixiu másteres e cursos de posgrao vinculados coa temática do ordenamento territorial en varias universidades. Foi galardoado, ademais, co Premio da Crítica de Galicia (2000), no eido da investigación.

En 1999 foi elixido concelleiro polo PP en Lalín, con responsabilidades en Cultura, Medio Ambiente, Urbanismo, Desenvolvemento Local e Portavocía. Nas eleccións de 2009 obtivo acta como deputado autonómico para ser designado posteriormente vicevoceiro do Grupo Popular e voceiro nos eidos de Educación, Urbanismo e Ordenación do Territorio. Desde febreiro de 2015 era conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.


CARMEN POMAR TOJO

Carmen María Pomar Tojo naceu en Santiago de Compostela en 1970. É licenciada en Psicoloxía pola Universidade de Santiago, premio extraordinario fin de carreira e premio extraordinario de traballo de licenciatura. Doutora en Psicoloxía no Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación. Foi bolseira posdoutoral da Fundación Caixa Galicia no 2000, cunha estadía na Universidade de Virxinia (Estados Unidos). Profesora na Universidade da Rioxa durante dous anos e, desde o 2003, profesora no Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da Universidade de Santiago, exercendo a súa docencia nas Facultades de Educación e de Psicoloxía desta universidade.

Profesora en másters sobre Educación, Familia e Necesidades Educativas Especiais nas Universidades de Santiago e de Vigo. Tamén profesora do Máster de Psicoloxía Educativa na USC. Profesora no Curso de Especialista en Educación Emocional na Facultade de Educación da USC. Profesora en cursos e seminarios sobre altas capacidades, intelixencia, motivación e creatividade. Directora da Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da Universidade de Santiago dende 2009 e directora de proxectos de atención educativa no campo da optimización do talento. Tamén é autora da guía O triángulo máxico das altas capacidades para profesorado galego, así como de capítulos de libro e artigos sobre intelixencia, motivación e altas capacidades.


FABIOLA GARCÍA MARTÍNEZ

Fabiola García Martínez naceu en Ribeira en 1985. É licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Ata a actualidade e desde decembro de 2016 era directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade na Consellería de Política Social.

Desde xuño de 2015 foi primeira tenente de alcalde do Concello de Ribeira, ademais de concelleira delegada de Administración, Transparencia, Atención e Participación Cidadá, Promoción e Dinamización Económica e Cultura.

Ao longo da súa carreira profesional formou parte dos gabinetes das consellerías de Facenda, Economía e Industria e Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Con anterioridade, traballou en prácticas no departamento de Dereito Fiscal nun despacho de avogados. Como formación complementaria, é máster en Dereito Empresarial polo Centro de Estudios Garrigues e diploma en EAP (English for Academic Purposes) pola University College London.


JOSÉ GONZÁLEZ VÁZQUEZ

José González Vázquez naceu en Ourense en 1970. É licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. En 1997, ingresou no corpo superior de inspectores de Facenda do Estado, especializado en inspección financeira e tributaria e aduanas e impostos especiais. Así mesmo, foi vocal nato do comité e do pleno do Consorcio da Zona Franca de Vigo desde 2009 a 2014; e representante da aduana española en diferentes comités de reforma do código aduaneiro comunitario en 2009. Ademais de membro de diferentes comisións da Autoridade Portuaria de Vigo para a coordinación dos controis do comercio exterior; profesor asociado do departamento de Dereito Financeiro, na Universidade de Vigo, desde 2002 a 2006; e docente especialista en materia de imposto sobre o valor engadido e comercio exterior e en contabilización de impostos.

Desde 2016, José González Vázquez é deputado no Parlamento de Galicia, onde desempeñou funcións como: voceiro de Medio Rural do GPP; membro da Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes; membro da Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos; vicepresidente da Comisión Permanente non lexislativa para as relacións co Consello de Contas e membro da Comisión Especial de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan forestal de Galicia.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE