Homenaxe a Moncho Valcarce en contra da Mina de Touro - O Pino
Moncho Valcarce, nacido na Coruña en 1935, foi un párroco cunha gran implicación no movemento antifranquista
A Plataforma Mina de Touro - O Pino Non en colaboración coa Irmandade Moncho Valcarce organizan unha homenaxe ao párroco e político galego Moncho Valcarce.
O acto, que terá lugar o 4 de setembro ás 19.30h no Museo do Pobo Galego -en Compostela-, será presentado por Iolanda Aldrei. Pola Irmandade, falarán Xácome Santos e Xosé Bocixa, e participarán diversas personalidades da cultura de Galicia. Luz Fandinho, Leo Arremecághona, Laura Rey Pasandín, Ramiro Vidal ou Concha Rousia estarán presentes entre máis de vinte persoas.
Así mesmo, o evento contará cun micro aberto "para gritar tamén Mina Non", segundo explican desde a organización.
Moncho Valcarce, nado na Coruña en 1935, foi un párroco con unha gran implicación no movemento antifranquista. O sacerdote chamou a atención por falar en galego, non utilizar o vestiario tradicional de curas e levar boina, así como por negarse a cobrar a paga de sacerdote e as taxas polos servizos relixiosos.
En 1974 foi detido nunha reunión nunha adega dun antigo Garda Civil, feito que o levou a implicarse nas estruturas políticas nacionalistas. En 1977, Valcarce é apresado de novo no conflito das Encrobas, unha serie de manifestacións por mor dun decreto asinado por Franco que expropiaba as terras de campesiñas e campesiños a cambio de baixas indemnizacións.
Escribe o teu comentario