"O maior estudo de risco cardiovascular prospectivo realizado nunca" revoluciona a investigación na área

Conclúe que o risco cardiovascular diminúe un 53% nos pacientes que toman a medicación pola noite


|

Investigadores galegos revolucionan os estudos sobre hipertensión


A prestixiosa revista European Heart Journal, a de maior impacto mundial na área de Cardiología, publicou o estudo sobre hipertensión arterial desenvolvido no marco do proxecto Hygia, a cargo de investigadores do Sergas e da Universidade de Vigo.


Segundo explicaron os responsables do estudo, que compareceron este mércores en rolda de prensa, xunto co xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, e a vicerreitora de Investigación da UVigo, Belén Rubio, a publicación deste estudo nesa importante revista "está a revolucionar o mundo científico, dadas as posibles consecuencias clínicoasistenciales sobrevindas en relación co diagnóstico, prognóstico e orientación terapéutica da hipertensión arterial e risco cardiovascular".

"Isto é, as conclusións deste estudo marcarán un antes e un despois no enfoque clínico destas patoloxías", sinalou o doutor Juan Crespo, coordinador da Unidade Compartida de Investigación de Atención Primaria.

A principal conclusión obtida nesta investigación é que o risco cardiovascular está asociado coa elevada presión arterial durante o soño, con independencia de que esta presión sexa normal durante o resto do día ou cando se mide na consulta médica. Esta conclusión permite a redefinición da hipertensión, e supón que un 47 por cento dos pacientes está mal diagnosticado.

Así mesmo, o estudo mostra que o risco cardiovascular diminúe nos pacientes con hipertensión cando se lles administra a medicación pola noite. "As posibilidades de sufrir un accidente vascular, como un infarto, unha insuficiencia cardíaca ou un ICTUS, redúcense un 53 por cento cando o tratamento tómase pola noite no canto de pola mañá", destacou outro dos coordinadores do proxecto Hygia, o catedrático de Telecomunicacións Ramón Hermida.

11 ANOS DE INVESTIGACIÓN
As conclusións deste estudo son o resultado de 11 de investigación, nos que se estudou a máis de 18.000 pacientes. Así, fíxoselles un seguimento de cinco anos de media por paciente, o que o converte en "o maior estudo de risco cardiovascular prospectivo realizado nunca".

No proxecto participaron case 300 investigadores de 40 centros clínicos, dos que un 70 por cento son centros de saúde da área sur de Galicia.

Os pacientes incluídos no estudo foron seguidos a través de un sistema de monitoraxe ambulatoria de presión arterial (MAPA). Trátase dun aparello que os pacientes recollían no centro de saúde, e que tiñan que levar encima durante dous días, para que lles medise a tensión cada 20 ó 30 minutos.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE