O centro de menores de Monteledo "aforra" en persoal por baixo do convenio
"Non é tolerable que unha fundación aforre non contratando persoal cando recibe diñeiro público precisamente para iso"
En Marea denunciou os "incumprimentos en materia de persoal" nos que está a incorrer a fundación que xestiona o centro de reeducación de menores de Monteledo, en Ourense, e instou á Xunta a "tomar cartas no asunto para finalizar con esta fraude e garantir a idónea calidade educativa".
A deputada Paula Vázquez Verao levará ao Parlamento unha situación que considera "inaceptable", derivada da non cobertura das vacacións, e que sitúa as cifras de persoal "por baixo das fixadas no convenio".
"Non é tolerable que unha fundación aforre non contratando persoal cando recibe diñeiro público precisamente para iso", dixo a deputada, que reclamou á Xunta que "esixa o cumprimento do convenio e que impulse unha inspección e unha auditoría económica no centro de Monteledo".
Ademais de "incumprir as cifras acordadas" en relación ao número de profesionais que traballan nesas instalacións, desde que estas están a ser xestionado pola Fundación Diagrama, dixo Vázquez Verao, aumentaron " as baixas laborais e os expedientes de faltas incoados a menores internos". "Hai, por tanto, unha evidente diminución da calidade educativa, e a Xunta é a responsable última" da situación, resolveu.
A Fundación Diagrama fíxose coa adxudicación da xestión do centro de reeducación de Monteledo, entre outras cuestións, por ofertar dous educadores a maiores dos 32 que se esixían na convocatoria, lembra En Marea. "Pero a realidade é que, ao non substituír as vacacións, non hai 34 profesionais, senón 5,9 menos" dos que debería.
Escribe o teu comentario