Avante LGTB denuncia unha agresión homófoba en Redondela
A asociación Avante LGTB censura que isto "non se produce a miúdo" en Galicia, pero si noutros países nos que "cazan" gais por este método
A asociación Avante LGTB recibiu este xoves unha denuncia anónima dun mozo ao que supostamente enganaron a través de 'Grindr', unha aplicación de contacto para homes, e que finalmente sufriu unha agresión homófoba.
Nun comunicado, a organización explica que o mozo quedou con outro mozo a través desta ferramenta para atoparse nun portal do municipio, ata onde se desprazou en coche. Unha vez alí, atopouse cun grupo de mozos que lle empezaron a tirar cousas e a gritar insultos homófobos, segundo relata Avante LGTB.
En declaracións a Europa Press, o coordinador de Avante LGTB Compostela, Alexandre Garrido, explicou que o presunto agredido é un membro da asociación en Vigo e que relatou os feitos polo grupo de 'Whatsapp' da entidade.
"Decidimos denuncialo publicamente nos medios. Comentóuselle mesmo que podía demandar ante as autoridades e ofrecéuselle acompañalo, pero parece ser que (os supostos agresores) eran adolescentes, polo que a vítima considerou que non era necesario", indica Garrido.
Seguidamente, o coordinador de Avante LGTB Compostela tacha de "moi graves" os feitos ocorridos, xa que a suposta agresión foi algo "premeditado, porque se tiveron que descargar a aplicación".
"NON PODE QUEDAR SEN RESPOSTA"
A asociación considera que este tipo de accións "non poden quedar sen resposta" e a sociedade "debe deixar de ver normal" unha agresión como a que denuncian. Ademais, incide en que estes actos son "igualmente denunciables" aínda que "non chegue a haber violencia física".
Así as cousas, Avante LGTB explica que a estratexia de suplantación en 'Grindr' ou outras aplicacións similares é utilizada en "varios países para 'cazar' a persoas LGTB.
Aínda que en Galicia "non hai constancia de que se faga a miúdo", asegura Alexandre Garrido, "si que se fai noutros países como Exipto, onde mesmo o Goberno persegue gais" a través de este método tamén empregado por "grupos neonazis" en Europa do Leste e outros lugares nos que a homosexualidade é ilegal.
Escribe o teu comentario